Publicador de contidos
Publicador de contidos

Uns 20 mortos e máis de 40 feridos no ataque masivo contra Kíiv, que danou un hospital infantil

Uns 20 mortos e máis de 40 feridos no ataque masivo contra Kíiv, que danou un hospital infantil

Hai varias persoas atrapadas entre os cascallos do centro hospitalario, que está a ser evacuado

Rusia guindou hoxe 40 mísiles por todo o país; en Krivói Rog, a cidade natal de Zelenski, morreron dez persoas e 41 quedaron feridas

O hospital infantil de Ohmatdyt foi danado no último ataque perpetrado por Rusia sobre Kíiv (Thomas Peters/Reuters) O hospital infantil de Ohmatdyt foi danado no último ataque perpetrado por Rusia sobre Kíiv (Thomas Peters/Reuters)
G24.gal 08/07/2024 10:28 Última actualización 08/07/2024 14:19

Polo menos 17 persoas faleceron e outras 40 quedaron feridas no ataque contra Kíiv perpetrado por Rusia este luns. Como consecuencia do ataque quedou danado un hospital infantil, segundo sinalaron as autoridades locais.

O alcalde da capital, Vitali Klichkó, informou na canle da Administración da Cidade de Kíiv que polo menos dous dos feridos faleceron no hospital e que os pacientes do hospital infantil alcanzado por un mísil ruso están a ser evacuados a hospitais municipais. Témese que haxa máis vítimas, xa que hai varias persoas atrapadas baixo os entullos.

Ademais, segundo o xefe da Administración Militar Rexional, Serguí Popko, cinco nenos foron sacados do edificio destruído para a súa "rehospitalización". 

"É moi importante que o mundo non garde silencio sobre isto e que vexa o que Rusia está a facer", asegura o presidente ucraíno.

O presidente de Ucraína Volodimir Zelenski sinalou en Telegram que o hospital infantil Ohmatdyt de Kíiv "é un dos máis importantes non só de Ucraína, senón tamén de Europa" e que este centro "salvou e devolveu a saúde a miles de nenos".

"Agora o hospital quedou danado por un ataque ruso, con persoas atrapadas entre os entullos, e descoñécese o número exacto de feridos e mortos. Agora todo o mundo está a axudar a retirar os entullos: médicos e xente corrente", explicou.

Zelenski recalcou que Rusia non pode alegar que non sabe cara a onde voan os seus mísiles e debe "render contas plenamente por todos os seus crimes: contra as persoas, contra os nenos, contra a humanidade en xeral".

O ataque masivo sobre Kíiv non só danou o hospital infantil. Segundo o xefe da Administración Militar Rexional, hai afectados sete distritos da capital, nos que resultaron danados un edificio de oficinas, garaxes, automóbiles e unha casa particular, ademais de incendios en edificios residenciais e locais dunha empresa.

Nun dos distritos, o de Solomenski, sete persoas morreron no ataque perpetrado contra dúas plantas dun inmoble de 1.500 metros cadrados de superficie 

Dez mortos e 41 feridos en Krivói Rog, a cidade natal de Zelenski

Ademais do ataque de Kíiv, Rusia volveu lanzar máis de 40 mísiles sobre outras cidades ucraínas este luns, como Dnipró, Krivói Rog, no centro-leste do país, ademais de Slolviansk e Kramatorsk, na rexión oriental de Donetsk.

Un dos máis graves afectou a Krivói Rog, a  cidade natal do presidente ucraíno Volodimir Zelenski, situada no centro-leste do país. Segundo informou o alcalde, Oleksandr Vilkul, o ataque masivo provocou polo menos dez mortos e 41 feridos.

"O mundo enteiro debe empregarse a fondo para poñer fin dunha vez aos ataques rusos", recalcou Zelenski. "Matar é o que fai Putin. Só xuntos poderemos lograr a paz e a seguridade verdadeiras".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade