Concentración para lembrar os dous ciclistas mortos no atropelo de Rubí
Concentración para lembrar os dous ciclistas mortos no atropelo de Rubí
Os participantes reclamaron máis medidas de seguridade e sancións máis duras para protexer os ciclistas
O condutor, de 41 anos, segue en prisión provisional, acusado de condución temeraria e de varios delitos contra a vida
Centos de ciclistas concentráronse na localidade barcelonesa de Rubí para lembraren os dous compañeiros falecidos o 21 de agosto. O condutor que os atropelou invadiu o carril contrario. Conducía sen permiso e baixo os efectos das drogas e fuxiu do lugar sen prestarlles auxilio.
"A concentración de hoxe foi multitudinaria. Hai un sentimento xeneralizado de indignación fronte a feitos parecidos aos que sucederon. Levamos seis ciclistas mortos no que vai de ano en Cataluña e non queremos que se repitan estes feitos", asegura Joaquim Vilaplana, presidente da Federación Catalá de Ciclismo.
O detido polo atropelo tiña dúas penas pendentes de cumprir por circular sen permiso de conducir. Os asistentes á concentración reclamaron máis seguridade nas estradas e máis sancións para os infractores.
"O motivo principal desta concentración é que se poida conseguir unha lei máis xusta para este tipo de atropelos", explica Pedro Cancio, presidente do Club Ciclista de Rubí.
"É evitar que circulen polas estradas potenciais homicidas de ciclistas, persoas que durante as fins de semana, e en horas con moita afluencia de ciclistas, volven de festa e non reúnen condicións para conducir", di Joaquim Vilaplana, presidente da Federación Catalá de Ciclismo.
A Federación Catalá de Ciclismo xa anunciou que se vai presentar como acusación particular. O condutor, de 41 anos, segue en prisión provisional por orde do xulgado que leva o caso.