Multitudinaria Festa do Polbo do Carballiño, con 125.000 persoas e 80 toneladas de polbo
Multitudinaria Festa do Polbo do Carballiño, con 125.000 persoas e 80 toneladas de polbo
Medio cento de polbeiras coceron o cefalópodo no parque
Día grande hoxe da Festa do Polbo do Carballiño, unha das celebracións gastronómicas máis lonxevas e multitudinarias de Galicia. Despois dunha semana xa de actividades co polbo como protagonista, este domingo culminaron cunha gran romaría no parque municipal da vila.
Segundo os datos do Concello, unhas 125.000 persoas achegáronse a degustar o polbo á feira, o prato estrela do Carballiño. E ao longo da fin de semana as polbeiras coceron 80.000 quilos de polbo.
O que comezou hai 61 anos como unha xuntanza entre amizades do Carballiño para comer o polbo agora é unhas das festas gastronómicas máis multitudinarias de Galicia. Xente de todos os recunchos da Península ateigaron o parque Municipal do Carballiño.
"Hoxe está a tope, a verdade é que merece a pena que veña a xentiña de fóra", di unhas das polbeiras.
"Moi bo, non sei que segredo teñen, pero cóceno bastante mellor ca min", asegurou unha muller.
"Porque esta auga aquí do Carballiño é especial". "Riquísimo", afirman as polbeiras mentres non paraban de traballar.
"Unha marabilla, o polbo do Carballiño é o mellor que hai".
Un segredo ben gardado polas polbeiras do Carballiño que non pararon de picar polbo en toda a fin de semana.
Declarada de Interese Turístico Internacional, a Festa do Polbo é unha romaría contemporánea, e ninguén quere perder a tradición de comer o polbo á feira do Carballiño.
As potas de medio cento de polbeiras non pararon de fumegar e as ringleiras para facerse cunha ración a 10 euros foron continuas toda a xornada.