Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Festa do Polbo une O Carballiño coa localidade italiana de Noventa Padovana

A Festa do Polbo une O Carballiño coa localidade italiana de Noventa Padovana

Ambas multitudinarias e co ánimo de que a celebración transcenda fronteiras 

G24.gal 05/04/2024 21:09 Última actualización 05/04/2024 21:26

O Carballiño está agora algo máis cerca de Italia, concretamente da localidade de Noventa Padovana coa que acaban de asinar un acordo de irmandade. O motivo non é outro que as dúas localidades celebran a súa Festa do Polbo. Ambas multitudinarias e co ánimo de que a celebración transcenda fronteiras. 

Máis de dous mil quilómetros separan O Carballiño de Noventa Padovana e a súa Fiera del Folpo, a Festa do Polbo en versión italiana. Esta localidade situada a menos de corenta quilómetros de Venecia sabedora das celebracións que teñen en común decidiron propoñerlles un acordo de irmandade. a resposta do Carballiño non se fixo agardar, coidan que é importante por varios motivos. Manuel Dacal, tenente de alcalde do Carballiño e concelleiro de emprego e turismo:

"Para a promoción da vila e para que os nosos polbeiros e polbeiras de Arcos, do Carballiño, sexan un referente mundial, como así é. Indubidablemente que é unha sorpresa, pero unha sorpresa positiva".

Din que entre as moitas actividades que se organizan foi a tapa xigante de polbo a que máis chamou a atención desta nova irmandade. O ano pasado foron quen de picar aquí máis de cincocentos quilos de polbo en pouco máis de dez minutos. 

"A Festa do Polbo, declarada de Interese Turístico Internacional, congrega cada ano milleiros de persoas, é sen dúbida unha das citas ineludibles no calendario dos eventos gastronómicos en Galicia. A irmandade  con esta localidade italiana agardan sirva para incrementar a súa sona máis aló das nosas fronteiras".

Nas rúas do Carballiño celebran este acordo. Non queren comparar pero tampouco dubidan.

"Pois é boa idea porque así todo o mundo coñece que temos o mellor polbo, pero ninguén vai igualar a festa de aquí. A nosa receita é mellor sempre".

Alí cociñan polbos pequenos que parten e aderezan con aceite e especias. Así que a receita italiana pouco ten que ver coa que tanta sona lle deu a esta vila.

"Non, iso é imposible, o polbo no Carballiño é único".

Días antes de que comece a festa do polbo unha comisión italiana visitará O Carballiño, despois serán eles os que lle devolvan a visita en Noventa Padovana no mes de outubro para coñecer de preto a súa celebración. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar