Multitudinaria manifestación en Bilbao polos presos da ETA
Multitudinaria manifestación en Bilbao polos presos da ETA
Os manifestantes denunciaron que os presos de ETA non estean suxeitos á política penal ordinaria
Na mobilización participaron políticos de EH Bildu, Elkarrekin Podemos, Junts, ERC, a CUP, así como tamén outras entidades independentistas catalás, ANC e Ómnium, e os sindicatos nacionalistas de Euskadi
Unhas 20.000 persoas, segundo a Policía Municipal, manifestáronse este sábado en Bilbao para demandar que se lles aplique aos presos da ETA a política penal ordinaria e que non se recorra a súa progresión a terceiro grao nin os permisos.
A marcha, liderada por unha pancarta que rezaba "Konponbiderako Giltzak" (Chaves para a resolución), estivo encabezada, entre outros, polos portavoces de Sare, os representantes dos partidos cataláns, a actriz Itziar Ituño, o exfutbolista do Athletic, Endika Guarrotxena, e o histórico dirixente da esquerda abertzale, José Luis Elkoro.
O percorrido tamén estivo amenizado por un grupo de dulzaineros e o único lema que se coreou nalgúns momentos, foi o clásico "Euskal presoak etxera" (os presos vascos á casa).
Este ano a marcha adiantouse unha hora para compatibilizarse co posterior derbi Athletic-Real Sociedad, que se desputa en San Mamés. A mobilización contou co apoio dos partidos EH Bildu, Elkarrekin Podemos, Junts, ERC, CUP, as entidades independentistas catalás ANC e Ómnium e os sindicatos nacionalistas de Euskadi. A manifestación tamén recibiu o apoio dende as filas do BNG.
Éxito nas mobilizacións e con moitos apoios políticos
O portavoz de Sare, Joseba Azkarraga, cualificou de "éxito" a mobilización, denunciou "a quen está utilizando as togas cun afán de vinganza e utilizando a Audiencia Nacional como unha plataforma de prevaricación para impedir que os presos vascos sexan suxeitos da aplicación dunha política penal de carácter ordinario".
"Seguiremos traballando para sacalos á rúa, non os trouxemos ata aquí para que continúen no cárcere, trouxémolos aos cárceres vascos para que vaian saíndo", asegurou o portavoz de Sare.
Ao remate da manifestación, Azkarraga agradeceu a participación para dicir "alto e claro que mentres as persoas presas non vexan recoñecidos os seus dereitos, seguiremos vivindo unha inxustiza e tendo un problema non resolto".
O portavoz de Sare tamén quixo engadir a todas as persoas que queren debuxar un escenario de "vencedores e vencidos, que é imaxinario e, ademais, alleo ás ansias de paz que ten a inmensa maioría da sociedade vasca".
Nunhas declaracións que fixo o parlamentario de EH Bildu, Julen Azuaga, previas ao comezo da mobilización, sinalou que "hai que acabar coas lexislacións de excepción, coas interpretacións restritivas en tribunais afastados e coa intervención de aparellos do Estado profundo para abrir novas causas".
O vicepresidente e portavoz de Junts, Josep Rius, reclamou que os presos da ETA "poidan volver á súa casa" e que se acabe dunha vez por todas "con estas leis excepcionais que a data de hoxe están vixentes e que aplica desapiadadamente o Estado", sinalando que este feito "é un claro exemplo do que se coñece como dereito penal inimigo, que é absolutamente ilexítimo".
Así mesmo, a portavoz adxunta de ERC no Congreso, Teresa Jordá, amosou o seu "rexeitamento ás medidas de excepción que no actual contexto non teñen ningunha razón de ser". O senador Joan Queralta tamén reclamou que "a lei non se aplique como vinganza".
A presidenta da ANC, Dolors Feliu, considerou que Sare e a esqueda abertzale son un "referente nestas políticas antirrepresivas".
Segundo o último informe do colectivo de presos da ETA, hai 134 reclusos da banda nos cárceres de Euskadi e Navarra, 8 nas de Francia, 17 fuxidos no estranxeiro e 4 "deportados" en Venezuela, Cuba e Cabo Verde.