Música do Barroco con instrumentos de época no conservatorio de Ourense
Música do Barroco con instrumentos de época no conservatorio de Ourense
Tratan de aproximarse o máis posible á idea que tivo o compositor, a ese son que algún día puido ser
Coñecer de primeira man como soaría unha partitura do século XVIII, interpretada con instrumentos da mesma época. É a proposta que atopamos no conservatorio de Ourense da man do seu departamento de Música Antiga. Alí as cordas do violín e o violonchelo déronlle vida á música do Barroco.
Tratan de aproximarse o máis posible á idea que tivo o compositor, a ese son que algún día puido ser. Chámanlle interpretación historicamente informada.
"Temos que nos facer cos instrumentos da época, que polo xeral están nos museos ou coleccións privadas. Polo xeral pedímoslles copias aos luthiers, son copias exactas, así que podemos recrear esa música. Imos aos manuscritos, aos facsímiles, temos tamén moita información a través da iconografía", explica Julia García, profesora do Conservatorio Profesional de Música de Ourense.
Hoxe o barroco enche as aulas, desta volta co Ensemble Allettamento. O seu interese pola música antiga levounos a estudar as orixes do repertorio para violín e violonchelo dos séculos dezasete e dezaoito con instrumentos orixinais.
"O meu violonchelo é de 1780 máis ou menos, é un instrumento da época que ten diferenzas co violonchelo moderno: ten cordas de tripa, o instrumento é un pouco máis pequeno, os arcos son diferentes tamén porque no meu caso é un orixinal, para recrear da maneira máis fiel posible como soaba a música naquela época", conta Elsa Pidre, violonchelista do Ensemble Allettamento.
Ademais de daren concertos, teñen tamén unha faceta pedagóxica para achegar a música antiga a todo tipo de público.
"Non é unha cousa que teñamos na televisión todos os días, a música antiga, ou que teñamos nos centros educativos a música clásica ou a música antiga. Igual a algún lle gusta e quere continuar por este camiño", apunta Mario Braña, violinista do Ensemble Allettamento.
Unha viaxe no tempo para que a música de hai séculos poida estar máis presente ca nunca.