Publicador de contidos
Publicador de contidos

Eduardo Soutullo, Premio Nacional de Música 2023 na categoría de Composición

Eduardo Soutullo, Premio Nacional de Música 2023 na categoría de Composición

As obras do músico vigués foron dirixidas por algunhas das principais figuras do panorama mundial e interpretadas por prestixiosas orquestras

G24.gal 04/09/2023 14:21 Última actualización 04/09/2023 14:49

O músico vigués Eduardo Soutullo foi recoñecido este luns co Premio Nacional de Música, na súa edición de 2023, na categoría de Composición.

Nacido en 1969, Soutullo inicia a súa formación musical no Conservatorio Superior de Música de Vigo e proséguea en Madrid e París, onde completa os estudos de solfexo, piano, harmonía e composición.

Ten un mestrado na música en España e Hispanoamérica: métodos e técnicas actuais de investigación, pola Universidade Complutense de Madrid; é doutor pola Universidade de Vigo cunha tese sobre música española contemporánea. Ademais é profesor superior polo Conservatorio Superior de Música de Santiago de Compostela. Antes diso tamén foi docente nos conservatorios de Vigo e Ourense.

Ao longo da súa traxectoria, Soutullo amplía os seus coñecementos en composición musical con mestres como David do Porto, José Luis Delás, Isabelle Duha, Richard Steinitz, Cristóbal Halffter e Tomás Marco.

Recibiu numerosos premios e mencións, o último dos cales foi o Primeiro Premio no VII concurso de Composición New Note en Croacia en 2018 dentro do 43º Festival de Música de Samobor.

As súas obras orquestrais foron dirixidas por importantes figuras internacionais como Jacques Mercier, Hannu Lintu, Olli Mustonen, Adrian Leaper ou Carlo Rizzi, entre outros, e interpretadas por prestixiosas orquestras sinfónicas, como a Orquestra Sinfónica de San Petersburgo e a Orquestra Nacional de España, por citar algunhas, ademais de por suposto a Real Filharmonia de Galicia e Orquestra Sinfónica de Galicia.

Recibiu numerosos encargos do Auditorio Nacional de España, a Fundación Isaac Albéniz, a Semana de Música Relixiosa de Cuenca, o XXVI Festival de Música Española de León e a Residencia de Estudantes de Madrid, entre outros, e as súas obras soaron en prestixiosos escenarios internacionais como L’Arsenal (Metz, Francia), Berwaldhallen Concert Hall (Estocolmo), Glazunov Hall (San Petersburgo), Carnegie Hall (Weill Hall), New York (EUA), Alto-Musiktheater Essen (Alemaña) etc.

Entre as súas últimas creacións figura Shabdalamkara para barítono e orquestra, no 64.º Curso Internacional Universitario Música en Compostela, por encargo da Fundación SGAE-AEOS, interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia, e Sax Quartet, dentro do 14.º Ciclo de Música Actual, organizado pola Sociedade Filharmónica de Badaxoz e o Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM). 

Canda a Eduardo Soutullo, tamén foi premiado o catalán Juan Manuel Cañizares na modalidade de Interpretación. O premio está dotado con 30.000 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar