A pianista Esther Sobral publica as súas composicións con pautas e dobre dixitación
A pianista Esther Sobral publica as súas composicións con pautas e dobre dixitación
O seu último libro, Pechando os ollos, inclúe esas indicacións para facilitar a interpretación
Son opcións que axudan aos pianistas noveis ou que teñen as mans pequenas
Os beneficios do libro serán para a asociación de nenos con cancro ASANOG
Esther Sobral é pianista profesional e vive con paixón a música en todos os aspectos, incluída a creación musical, aínda que prima sempre a súa vocación docente.
"Fágoo porque me gusta, e sempre intentando que sirva para os meus alumnos; mirando non só que quede bonito como a min me gusta, senón que teña unha utilidade pedagóxica".
Ese principio levouna a introducir unha novidade no novo libro de composicións propias que acaba de publicar. As pasaxes máis complicadas das oito pezas recollidas en Pechando os ollos inclúen pautas de dobre dixitación para facilitar o proceso de aprendizaxe de quen a priori puidera ter máis problemas para interpretalas.
"Sería unha pena que non as puideran tocar persoas que teñen as mans pequenas ou aínda pouco preparadas, por iso lle propuxen a editorial Beroly que fixeramos dúas dixitacións, dúas maneiras de poñer os dedos".
Esther di que é especialmente consciente desa dificultade por experiencia propia, pero remarca que tivo a fortuna de ter mestres, como Angel Viro, Maximino Zumalave ou Natalia Lamas, que lle axudaron a ampliar as súas posibilidades. Confía en que a partir de agora empece a ser habitual que as publicacións musicais ofrezan estas alternativas.
As composicións da súa nova obra teñen en común o impulso que nos fai pechar os ollos nos momentos de fonda conexión co que sentimos. Dun deses momentos xurdiu a decisión de destinar os beneficios da venda do libro a Asociación de axuda aos nenos con cancro de Galicia.