Publicador de contidos
Publicador de contidos

Na aldea de Vilaverde, en Melón, os mecos danlles a benvida ao Entroido e aos visitantes

Na aldea de Vilaverde, en Melón, os mecos danlles a benvida ao Entroido e aos visitantes

Colocados nos lugares máis insospeitados, hai tantos ou máis que veciños

G24.gal 30/01/2024 14:26

Xa case na conta atrás para o Entroido son moitas as localidades que van collendo cor para a festa. Este martes visitamos a aldea de Vilaverde, no concello ourensán de Melón. Alí os veciños son estes días moitos máis dos habituais.

Dende hai unha semana a benvida a Vilaverde corre a cargo dos mecos. E non hai poucos, de feito tantos case, como veciños. Nas rúas, nas casas, en realidade ata nos lugares máis insospeitados. 

"Aquí ou poñen as mellores galas ou as roupas máis ruíns que tes, pero é verdade que hai moitísima tradición dende hai moitos anos e esperamos que siga así moito tempo".

A tradición do Entroido está nas lembranzas ata dos máis maiores. Por iso os disfraces, a retranca e a troula forman parte da natureza dos seus veciños.

"Divertirse como rapaces sempre. Aquí mira que xa somos maiores, cerca dos noventa anos, e ao mesmo tempo nós seguimos coa nosa marcha. É un entroido que en moitos sitios fan un día de festa ou dous, aquí facemos catro días de festa".

A noite do luns de Entroido centos de persoas danse cita na praza da aldea para escoitar os entremeses, eses versos que fan mofa dos temas de actualidade. O martes outra das súas tradicións preferidas do Entroido, acompañan o carro cos mecos para visitar a aldea lindeira de Barcia e os seus veciños. 

"Pásase de marabilla, eu a festa coñecina de toda a vida e coma min os demais, os vellos e todos, entón é a festa que máis nos gusta".

"Arredor de trinta mecos ou Entroidos como adoitan chamalos, adornan xa as rúas e casas de Vilaverde. Contan os días que quedan para que comece a festa máis agardada, a de máis tradición na aldea e a que din aquí ninguén perdoa".

Contan que a esta pequena aldea de Melón, de apenas 30 veciños, chegan cada ano máis visitantes polo Entroido. Din sentirse orgullosos de compartir con tanta xente as súas tradicións. 

"Eu creo que é a festa máis importante que temos aquí e un orgullo para todos. Eu teño a miña avoa, que ten case cen anos, e recorda toda a vida. Temos unha gana terrible de celebralo".

Mentres, din, aproveitan cada visita, porque todo momento é bo para ir quecendo para o Entroido. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar