Case un século elaborando manteigadas artesanais nas Pontes
A receita copiouna unha criada que espiou a súa dona, que non quería compartir a fórmula
Na vila tamén venden os seus polvoróns durante todo o ano
Case cen anos levan nas Pontes de García Rodríguez elaborando as súas manteigadas tradicionais. Durante décadas, os traballadores chegados de fóra foron estendendo a súa fama. A receita segue sendo a de sempre. Unha receita que escapou dunha casa de maragatos.
"A dona facía as manteigadas, pero non lle quería dar a receita a ninguén; ata que unha criada vixiou e colleulle a receita", conta Manola, que traballou dende 1965 na panadería Hermanos Díaz.
Alí abriron en 1933, tempos en que as panaderías eran centros de reunión.
"Igual xuntábanse cinco ou seis, e pasábano bárbaro aquí. Era moi lindo. Traía a manteiga a xentiña das aldeas e faciamos as manteigadas. Viña cada unha co seu cántaro coa manteiga batida e aquí cociamos as manteigadas".
Usaban e usan ingredientes de toda a vida: ovos, azucre, fariña e, por suposto, manteiga.
"Hai que cocer a manteiga no forno durante tres horas. Despois cóase, e cando se solidifica xa está preparada para traballar. Bates a manteiga co azucre ata que suba e se poña branca. Despois botas os ovos e a fariña e bátese ben todo. E finalmente a encher coa culller os papeliños que fai Manola. E ao forno", resume Marta, panadeira da casa.
Manola elabora esas cápsulas cada noite.
"Sentadiña, despois de facer a cea, así que ceamos, dedícome a isto. Fago 75 ducias cada noite. Todas as noites, todas", sublliña Manola.
Nada de máquinas, nada máis artesán. E só quedaría o forno para sacar estas manteigadas das Pontes, a vila en que tamén venden polvoróns durante todo o ano.