Nenos do CEIP O Sello recuperan os Cantos de Reis no seu barrio en Cabral
Nenos do CEIP O Sello recuperan os Cantos de Reis no seu barrio en Cabral
Unha tradición en que antigamente os nenos cantaban coplas na rúa para pedir chourizos ou touciño
Moitos aínda lembran os tempos dos cantos de Reis, unha tradición que se foi perdendo, pero que cativos dun centro escolar de Vigo tratan de recuperar.
O CEIP O Sello en Cabral é un pequeno gran colexio. Por segundo ano recuperan a vella tradición dos cantos de Reis coa idea de saír todos xuntos fóra e encher de ledicia e música o barrio.
Segundo Iria González Ballesteros, mestra do colexio, "os cantos de Reis e iso, os nenos e nenas cos adultos antigamente paraban nos negocios, ían casa por casa cantando e pedían chourizo ou touciño para comer e para facer despois unha festa. Co que gañemos hoxe, mañá teremos unha merenda".
Comezaron o percorrido, con paradas en centros de ensino, negocios do barrio de Barreiro cantando panxoliñas, repartindo tarxetas de Nadal e, por suposto, pedindo o aguinaldo.
A antiga tradición dos cantos de Reis estaba a perderse, e no CEIP O Sello de Cabral decidiron recuperala. Un centro con só 42 alumnos, de entre 3 e 13 anos, que hoxe percorreron as rúas do seu barrio pedindo o aguinaldo. Moi especial foi a parada nesta residencia de anciáns onde repartiron postais de Nadal e moitos sorrisos. Para nenos e maiores foi unha xornada diferente e moi especial cunha actividade que ademais axuda a recuperar e manter o patrimonio cultural dos nosos avós.