Netanyahu asegura que xa "hai unha data" para a invasión israelí de Rafah
Netanyahu asegura que xa "hai unha data" para a invasión israelí de Rafah
Responde así ás críticas dos seus socios ultradereitistas no Goberno polos avances nas negociacións e a retirada de tropas do sur da Franxa
Hamas non aceptará ningún acordo que non contemple un cesamento do fogo e a retirada total das forzas israelís, ademais dun aumento da axuda humanitaria
O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, asegurou este luns que xa "hai unha data" para a invasión israelí de Rafah, no sur da Franxa de Gaza, onde miles de palestinos acudiron a buscar refuxio tras o comezo da guerra.
Netanyahu explicou que recibiu información detallada sobre o avance das negociacións indirectas entre Israel e Hamas no Cairo para lograr un acordo de cesamento do fogo e a liberación de reféns israelís na Franxa.
"A vitoria de Israel sobre Hamas require entrar en Rafah e eliminar os batallóns terroristas. Vai ocorrer: hai unha data", dixo o primeiro ministro.
Netanyahu parece responder así as críticas dos seus socios ultradereitistas no Goberno, Itamar Ben Gvir e Bezalel Smotrich, que nas últimas horas lanzaron mensaxes de advertencia ao mandatario ante os avances nas negociacións e a retirada de tropas israelís do sur da Franxa.
"Se Netanyahu decide finalizar a guerra sen un asalto amplo a Rafah non contará co mandato para servir como primeiro ministro", chegou a dicir Ben Gvir, líder do partido Poder Xudeu e ministro de Seguridade Nacional.
Mentres tanto, unha fonte de Hamas confirmou a EFE que o grupo recibiu unha proposta de acordo que inclúe o retorno de desprazados a Gaza, pero non aos seus fogares, senón a campamentos de refuxiados.
"Cremos que a ocupación está a tentar gañar tempo finxindo que fan ofertas serias", dixo a fonte, que destacou que Hamas non aceptará ningún acordo que non contemple un cesamento do fogo que conduza ao fin da guerra, que se permita aos desprazados volver aos seus fogares e a retirada total das forzas israelís, ademais dun aumento substancial da axuda humanitaria.
Con todo, a fonte apuntou a que os líderes de Hamas en Gaza discutirán a proposta antes de dar unha resposta definitiva.