Publicador de contidos
Publicador de contidos

Netanyahu rexeita a creación dun Estado palestino nun escenario de posguerra

Netanyahu rexeita a creación dun Estado palestino nun escenario de posguerra

O primeiro ministro israelí asegura que a maioría da poboación israelí rexeita unha posible unión dos Estados

A UE e Washington expuxeron esta opción para que a ANP retome o control da Franxa

Medra o escepticismo en Israel sobre a posibilidade de alcanzar o obxectivo de erradicar a Hamas

G24.gal 18/01/2024 20:29

O primeiro ministro de Israel Benjamin Netanyahu expresou este xoves aos Estados Unidos a súa oposición á creación dun Estado palestino como parte dun escenario de posguerra en Gaza.

Nunha conferencia de prensa, remarcou que está determinado a bloquear o establecemento dun Estado palestino para o "día posterior" da guerra na franxa ou do seu mandato, seguindo a súa liña política histórica sobre esta cuestión. 

"Dígolles esta verdade aos nosos amigos estadounidenses e tamén detiven o intento de impoñernos unha realidade que prexudicaría a seguridade de Israel", dixo Netanyahu, que agregou que a maioría da poboación israelí rexeita un posible Estado palestino. Esta iniciativa foi tomada pola Administración de Joe Biden como unha solución de dous Estados para o conflito palestino-israelí.

Netanyahu engadiu que ante calquera posible acordo cos palestinos, "Israel ten que manter o control de seguridade sobre todo o territorio oeste do Val do Xordán", referíndose a unha parte importante de terreo de Cisxordania, ocupada por Israel dende 1967.

Ao longo das súas cinco visitas á rexión dende que estalou a guerra en Gaza o 7 de outubro, o secretario de Estado dos Estados Unidos Anthony Blinken reiterou a postura do seu país a favor da solución de dous Estados. Igual ca a UE, Washington expuxo esta opción para unha posguerra en que a ANP retome o control da franxa, de onde foi expulsada en 2007.

Nas últimas xornadas transcenderon declaracións de Arabia Saudita, en que cargos desta monarquía do Golfo dixeron que a normalización de relacións con Israel, asunto estancado tras o estalido da guerra de Gaza, só se podería dar cun camiño claro para a creación dun Estado palestino. A esta opción opóñense tamén os socios de ultradereita do Goberno actual de Netanyahu.

"En cada territorio do que nos retiramos, recibimos terrorismo, un terrible terrorismo contra nós. Pasou no sur de Líbano, na Franxa de Gaza, e en Xudea e Samaria (denominación bíblica para Cisxordania)", asegurou o primeiro ministro.

"Parar a guerra sen lograr os nosos obxectivos danará a seguridade de Israel durante xeracións, creará unha mensaxe de debilidade e o próximo masacre será só cuestión de tempo", asegurou Netanyahu, mentres medra o escepticismo entre Israel sobre a posibilidade de que o país poida alcanzar o obxectivo declarado de erradicar a Hamas.

O primeiro ministro asegurou que a vía militar é a única que pode ser efectiva para rescatar os reféns vivos que seguen en Gaza, arredor dun centenar. Tamén salientou que a ofensiva durará aínda "longos meses" ata "a vitoria total sobre Hamas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade