Casares afea a Gonzalo Caballero as críticas á dirección do PSdeG polo resultado das europeas
Casares afea a Gonzalo Caballero as críticas á dirección do PSdeG polo resultado das europeas
O europarlamentario electo defende o traballo de Xosé Ramón Gómez Besteiro
O socialista destaca a valía da cabeza de lista do PSOE, Teresa Ribera, como posible comisaria europea
O europarlamentario electo do PSOE, o galego Nicolás González Casares, aféalle ao exsecretario do PSdeG, a Gonzalo Caballero, as criticas á actual dirección polos resultados dos comicios do pasado domingo. Afirma que "non hai nin dous meses que eliximos novo secretario xeral por primarias. Houbo oportunidade para que tódolos militantes se presentaran a ese proceso de primarias e só participou Xosé Ramón Gómez Besteiro. Agora Besteiro é o secretario xeral lexítimo e comeza unha andaina á cal hai que dar tempo. Polo tanto non comparto as críticas".
Atribúe á baixa participación a caída en votos do PSdeG nesta cita electoral na que perderon uns 200.000 votos respecto dos comicios europeos do 2019. Destaca que ese ano os resultados foron "extraordinarios". Por outra banda, cre que pasou factura o "escenario con tanto presión sobre o PSOE e a estratexia da lama do PP que tivo reflexo non só en España, senón tamén en Galicia".
Sobre as negociacións que se abren agora en Europa, destaca González Casares que o PSOE seguirá a ser unha voz "forte e influente" cos seus 20 parlamentarios e co presidente do goberno, Pedro Sánchez, como un dos negociadores. Apunta que lle gustaría que a socialista, Iratxe García, recunque coma portavoz do grupo dos socialdemócratas.
Destaca que "a meta do PSOE é que dentro da nova comisión europea non haxa cabida para o populismo e para as forzas reaccionarias nin na presidencia nin nas políticas".
Teresa Ribera como comisaria europea
Confía en que a vicepresidenta terceira do Goberno e cabeza de lista do PSOE ás europeas, Teresa Ribera, sexa comisaria europea. "É unha candidata forte, coñecida en Europa e coñecedora das institucións, polo que non podería ser mellor candidata", apuntaba.
Ao preguntarlle sobre a candidatura popular, Ursula Von der Leyen, como presidenta, explicou que a día de hoxe non hai máis aspirantes ao posto, pero di que "non se pode dar nada por sentando. Se Von der Leyen decide apoiarse na ultradereita perdería o apoio dos liberais e dos socialistas".
Compromete González Casares que os socialdemócratas traballarán para combater as políticas dos partidos de ultradereita e facer fronte á auxe dos populismos e dos reaccionarios.
Sobre a AP9 e as iniciativas aprobadas esta semana no Congreso, González Casares repróchalle ó PP que se acorde agora cando, di o europarlamentario electo, "o PP condenou a Galicia a peaxes abusivas durante décadas e décadas e agora pide a outros que as retiren". Con todo, o socialista concorda en que "ten que haber rebaixas e retiradas progresivas ata a eliminación das peaxes" e defende que tamén se faga naquelas vías de titularidade autonómica.