Nicolás González: "Galicia pode ser punta de lanza da nova industria 'offshore'"
Nicolás González: "Galicia pode ser punta de lanza da nova industria 'offshore'"
O eurodeputado socialista aposta pola compatibilización da pesca coa eólica mariña
Defende o Plan de ordenación do espazo marítimo aprobado polo Consello de Ministros
O Grupo Socialista no Parlamento Europeo apunta á reforma eléctrica como un dos grandes retos que marcará a presidencia española da Unión. Segundo o eurodeputado galego Nicolás González, o obxectivo é evitar novas crises de prezos cunha enerxía máis limpa e autónoma.
O socialista, que traballa na elaboración do novo regulamento comunitario como negociador pola Eurocárama, aposta por facer unha reforma que se adapte ao futuro, pero poñendo a cidadanía no centro.
"A nós preocúpanos moito a crise de prezos (eléctricos) que sufriron Galicia, España e Europa e imos poñer medidas para que non volva suceder. E sobre todo imos poñer a cidadanía no centro, en especial a máis vulnerables (...) e tamén os sectores produtivos".
Nunha entrevista no informativo Bos días, da TVG, defende o Plan de ordenación do espazo marítimo aprobado polo Consello de Ministros.
"Por fin temos claridade en canto hai uns espazos que se poden aproveitar para eólica mariña, unha enerxía do futuro, que vai crear industria en Galicia. E sabemos tamén que eses espazos están limitados a unhas pequenas áreas das zonas pesqueiras. Polo tanto, eu creo que hai que traballar na compatibilidade e agora a ver como se transmite iso en cuestión de proxectos".
Tamén insiste na necesidade de traballar na "compatibilización" da pesca con esa enerxía eólica que, lembra, é unha obriga europea.
"É certo que agora chegamos a un acordo da nova directiva de renovables que acelera a súa despregadura, por mor da guerra de Ucraína. (...) Pero eses plans da eólica mariña son unha obriga europea que España estaba incumprindo. Chega algo tarde, xa tiña que estar antes".
O reto, segundo o eurodeputado socialista, é que ademais de producir enerxía, Galicia consiga reter industria relacionada co sector.
"Empresas como Alcoa dependen desas enerxías limpas. Pero, por outra banda, queremos ser unha punta de lanza nesa nova industria 'offshore'. Galicia ten unha experiencia nas enerxías mariñas que non teñen outros lugares e tamén unha historia de construción naval que temos que aproveitar".
Nicolás González considera que "estamos ben preparados" e temos a posibilidade de crear unha industria en Galicia e "ser líderes mundiais".
"Isto non debemos deixalos pasar. Temos que desenvolver a eólica 'offshore', no equilibro co territorio e coa pesca, pero, sobre todo, temos que pensar na industria que podemos manter e desenvolver nestes anos".