Publicador de contidos
Publicador de contidos

Maduro insta os EUA a "sacar os seus narices de Venezuela" tras recoñecer a González como vencedor

Maduro insta os EUA a "sacar os seus narices de Venezuela" tras recoñecer a González como vencedor

O opositor Edmundo González Urrutia di seguir "firme a carón do pobo" 

Os dez candidatos que participaron nas eleccións do pasado domingo están convocados a compareceren este venres perante o Tribunal Supremo de Xustiza 

Prensa Presidencial de Venezuela
G24.gal 02/08/2024 08:40

O presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, instou este xoves os Estados Unidos a "sacar os seus narices" do país caribeño, logo de que o Goberno norteamericano dixera que o candidato da oposición maioritaria, Edmundo González Urrutia, foi o gañador das presidenciais do pasado domingo, a pesar de que o ente electoral declarou a vitoria do líder chavista.

"Os Estados Unidos deben sacar os seus narices de Venezuela porque o pobo soberano é o que manda en Venezuela, o que pon, o que elixe, o que di, o que decide", dixo o xefe de Estado, cuxas declaracións foron transmitidas pola canle estatal VTV.

Previamente, o secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, emitiu un comunicado en que asegura que Washington conclúe, con base en "abafadoras probas", que González Urrutia foi o gañador das eleccións presidenciais do 28 de xullo no país suramericano.

En resposta, Maduro expresou: "O proceso en Venezuela, legalmente, constitucionalmente, institucionalmente, está aínda por completarse, e os Estados Unidos hoxe din que teñen as actas e as probas".

Así mesmo, reiterou a denuncia de que o sistema electoral "sufriu un ataque brutal" que tivo o obxectivo de "evitar que houbese resultados electorais", razón pola que -explicou- introduciu perante a Sala Electoral do Tribunal Supremo de Xustiza (TSX) un recurso para aclarar "todo o que haxa que aclarar" sobre os comicios.

Este xoves, a Sala Electoral do máximo tribunal declarou competente o recurso e anunciou unha investigación a fin de "certificar, de maneira irrestrita, os resultados" electorais, para o que convocou aos 10 candidatos a compareceren este 2 de agosto.

Maduro dixo que espera que "todos vaian", e referiuse, especialmente, a González Urrutia: "Eu espero que este señor teña a mínima valentía (...) que se necesita para asumir posicións políticas e acuda á citación obrigatoria do TSX, aí verémonos as caras".

Por outra banda, o mandatario asegurou que, nunha conversación coa presidenta do Supremo e tamén xefa da Sala Electoral, Caryslia Rodríguez -declarada abertamente militante da formación de Goberno e entusiasta simpatizante do chavismo-, dixo que están "preparados" para presentar todas as actas, "ata a última".

Pola súa banda, a oposición maioritaria, agrupada na Plataforma Unitaria Democrática (PUD), di ter máis do 80 % das actas grazas ao traballo de testemuñas e membros de mesa, as cales -insiste- dan a vitoria ao seu abandeirado.

Mentres, o Consello Nacional Electoral (CNE), tras o primeiro boletín, non emitiu máis información, mentres que os reitores electorais convocaron e cancelaron dúas declaracións públicas, a pesar de que desde o martes venceu o prazo legal para a totalización das actas.

O mutismo oficial, que inclúe a caída da web do CNE, impide coñecer novos datos sobre as eleccións. 

O opositor Edmundo González Urrutia di seguir "firme a carón do pobo" 

O candidato presidencial do antichavismo maioritario, Edmundo González Urrutia, expresou este xoves que segue "firme a carón do pobo" de Venezuela, tras catro días dos comicios en que asegura triunfar fronte aos seus nove adversarios, entre eles o mandatario Nicolás Maduro, declarado gañador polo Consello Nacional Electoral (CNE).

"Sigo firme a carón do pobo. Nunca vos deixarei sós, e vou defender sempre a súa vontade! Viva Venezuela. Gloria ao Bravo Pobo", dixo o exembaixador nunha breve e única mensaxe publicada este xoves na rede social X.

O opositor, así como os outros nove políticos que participaron nas eleccións do pasado domingo, foi convocado a comparecer este venres, ás 14:00 hora local (18:00 GMT), perante a Sala Electoral do Tribunal Supremo de Xustiza -presidido pola chavista Caryslia Rodríguez-, que anunciou unha investigación a fin de "certificar, de maneira irrestrita, os resultados" dos comicios, en resposta a un recurso introducido por Maduro.

González Urrutia non se pronunciou respecto diso, nin a súa principal valedora, a exdeputada María Corina Machado, quen chamou este xoves para participar o sábado en manifestacións en todas as cidades do país en contra do resultado electoral oficial.

Machado insistiu na necesidade de reiterar que a PUD obtivo a vitoria e de expresar nas rúas o desacordo co boletín oficial, tamén cuestionado polo Centro Carter, que advertiu que a elección venezolana non pode ser considerada como democrática. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade