Nigrán acolle unha mostra de bonecas Nancy dunha valiosa colección privada
Nigrán acolle unha mostra de bonecas Nancy dunha valiosa colección privada
As orixinais do ano 1968 poden chegar a custar ata 2000 euros
O Auditorio Municipal de Nigrán acolle ata a vindeira fin de semana unha exposición con máis de 250 monecas Nancy e máis de 600 traxes e accesorios que unha coleccionista de Gondomar leva xuntando varias décadas. Unha boneca orixinal do ano 1968, o do seu nacemento, pode chegar a custar 2.000 euros.
Famosa lanzou a primeira boneca Nancy, co moderno i grego, no ano 1968. Custaba 300 pesetas e non todas as nenas, as que hoxe andan polos cincuenta e pico anos, podían tela. Nos anos 70 chegaron a venderse 25 millóns de unidades. Hoxe, en Nigrán, hai modelos expostos dos anos sesenta, setenta e oitenta grazas a Margarita Fernández, que ao longo dos anos acumulou preto de 300.
"Cos pés sobre a terra, pero si que volvo á infancia, aos recordos, a aqueles momentos coas veciñas e amigas, coa miña irmá, moitos momentos xogando con elas, compartindo os vestidos. Xa chegando á noite tíñannos que chamar para cear, porque xogabamos na rúa", conta Margarita Fernández, coleccionista e dona do perfil El desván de Nancy.
A exposición de Nigrán xuntou este domingo media ducia de coleccionistas de Nancy, algunhas acompañadas xa das fillas e das netas, que en 2023 pouco xogan na rúa e con bonecas.
"Eu creo que son bonecas que pasen os anos que pasen, teñen un pelo tan precioso e un estilismo tan lindo. E van desde a época retro ata a época moderna, collendo un pouco de todo", explica Mónica Figueiredo, coleccionista de Nancys e Barriguitas.
"Como para as nosas nais a Mariquita Pérez, que teño tamén Mariquitas Pérez. Teño incluso falsificacións da Nancy, que saíron daquela", engade María Victoria Barroso, que tamén colecciona Nancys.
En 1996 deixaron de fabricala, aínda que se relanzou no ano 2000. As Nancys orixinais, as do 68, poden chegar a custar ata 2000 euros.