Publicador de contidos
Publicador de contidos

Nin a calor nin o San Xoán lle restaron esplendor ao Arde Lucus

Nin a calor nin o San Xoán lle restaron esplendor ao Arde Lucus

Na primeira edición internacional retiráronse preto de 400.000 quilos de refugallos

Rematada a festa luguesa, chega a quenda do Resurrection Fest en Viveiro

Félix Aragunde 26/06/2023 14:03

A primeira edición internacional do Arde Lucus deixou un bo sabor de boca entre as asociacións que participan na festa. Destacan que nin o San Xoán nin a vaga de calor lle quitaron brillo a un evento que segue a ser multitudinario e que se consolida como cita obrigada.

"Foi moi caloroso e houbo moitísima xente, con moito estranxeiro. Había moita xente sen caracterizar, que se notaba que era de fóra e era a primeira vez que viña", di Montse Mourelos, presidenta de Salesiani Luci Augusti.

"Eu creo que cada vez se vai perfeccionando máis. E iso é o que lles hai que pedir a todos os participantes, incluso aos que veñen de fóra", cre Adolfo de Abel Vilela, historiador.

"Para o comercio foi sorprendentemente bo. A xente pensaba que a coincidencia do inicio das rebaixas co Arde Lucus ía ser problemático, pero non. O venres pola tarde e o sábado pola mañá houbo moita venda", explica Luís Latorre, presidente de Lugo Monumental.

O Arde Lucus 2023 deixou para o recordo un ronsel de máis de 400 actividades para todos os públicos. O circo romano, os desfiles ou os concertos figuran entre os que gozaron dun maior seguimento. Tocante á ocupación hoteleira, oscilou entre o 80 por cento e o cheo total do sábado.

"As previsións cumpríronse, sobre todo a noite do sábado, na que tiñamos previsto facer cheo. Logramos en varios hoteis da cidade chegar ao cento por cento", conta Jacobo García-Bobadilla, secretario da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo.

Rematado o Arde Lucus, as multitudes desprazaranse agora cara ao extremo norte da provincia de Lugo. Nun par de días, agárdase que unha marea humana comece a invadir a vila de Viveiro co inicio do Resurrection Fest, un festival do que este ano se agarda un impacto económico de máis de 17 millóns de euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar