Nobel de Física asegura en Santiago que a suba de nivel do mar é "o maior risco" do futuro
Nobel de Física asegura en Santiago que a suba de nivel do mar é "o maior risco" do futuro
Klaus von Klitzing confesouse "pesimista" respecto ao cambio climático
Ve efectos positivos na Intelixencia Artificial, pero tamén advirte dos seus perigos
O físico alemán protagoniza este xoves o acto central do Programa Conciencia, cunha conferencia no Pazo de Fonseca
O Premio Nobel de Física Klaus von Klitzing alertou en Santiago sobre os efectos do cambio climático e mostrouse especialmente preocupado pola subida do nivel do mar, que considera o "maior risco" a futuro. "Non podemos esperar até final de século. Os próximos dez anos serán clave", asegurou.
O Nobel compareceu ante os medios de comunicación acompañado polo investigador galego Jorge Mira e polo presidente da División de Física de Materia Condensada da Sociedade Europea de Física, José María de Teresa. Xuntos presentaron unha nova edición do Programa Conciencia, que tivo o seu acto central este xoves no Pazo de Fonseca cunha conferencia do Nobel alemán, en que afondou na revolución cuántica na metroloxía, campo predominante da súa investigación.
Von Klitzing confesouse "pesimista" respecto ao cambio climático e lembrou que as medicións tomadas, por exemplo, nos anos 70, "moito máis imprecisas que as actuais", non fallaron ao predicir o que ocorrería en 50 anos.
Así, puxo o foco na "inestabilidade" que provocaría ter que recolocar a poboación que vive na costa pola subida do nivel do mar. "Cidades como Nova York están en serio perigo", destacou, sinalando que, se se derreten os polos, algo "probable" tendo en conta que se espera que a temperatura suba máis de dous graos a final de século, o nivel do mar podería subir 60 metros. "Non podemos esperar até final de século", afirmou.
Os perigos da Intelixencia Artificial
O Premio Nobel de Física tamén avaliou a utilización da Intelixencia Artificial, un avance que lle parece "moi útil" e con aplicacións "moi positivas" para a medicina e outros campos, pero tamén con perigos.
"Fiámonos moito das imaxes e agora pódense manipular, como a voz, o cal supón un gran poder. Debería ser máis transparente. E necesitamos leis que regulen isto. A xente debe ser consciente do risco", apuntou.
Ademais, sinalou que consome moita enerxía, máis que a computación normal. "E non sabemos como vai ser iso porque vai haber que xerar toda esa enerxía", reflexionou.
O Pacto Verde Europeo, insuficiente
Ademais, cualificou de "insuficiente" o Pacto Verde Europeo. Neste contexto, reivindicou o papel das enerxías renovables, especialmente da solar e eólica.
Aquí ve un "colo de botella" que hai que desatascar en dous aspectos: a distribución e o almacenamento (para o que propón o hidróxeno), posto que considera que a produción xa non é un problema.
Preguntado polo papel da enerxía de fusión, impulsada recentemente por gobernos como o alemán, non cre que sexa a solución, xa que se trata dunha fonte enerxética "máis a longo prazo". "E os próximos dez anos van ser claves", dixo.
Efecto Hall Cuántico
O físico descubriu o efecto Hall que revolucionou a física cuántica, e por iso foi merecedor no ano 1985 do premio Nobel de Física, un galardón que marcou a súa vida como investigador e que sempre o acompaña onde queira que vaia. Con el xa van 45 os premios nobeis que achegan prestixio e sabedoría a este programa que dende hai 19 anos organiza a USC.
"Porque non é soamente que veña para dar unha conferencia, senón que vén para involucrarse con todo. Este xoves de feito pola mañá deu unha clase na materia de Física Cuántica 1 de terceiro curso do grao en Física", explica Jorge Mira, director do programa ConCiencia da USC
Un dos obxectivos da Universidade de Santiago é poñer en contacto os seus investigadores cos maiores referentes en cada disciplina.
Este xoves Von Klitzing visitou o iMatus. Alí investíganse materiais para a súa posterior aplicación en saúde, medio ambiente ou en innovación industrial, un instituto moi similar ao que dirixe o premio nobel en Stuttgard, aínda que alí se centran sobre todo en atopar novos soportes para computadoras cuánticas.
Nas súas investigacións, Klaus von Klitzing explorou sistemas de transporte eléctrico que se comportan coma se existisen só dúas dimensións (movemento no plano) a diferenza do mundo tridimensional. Isto supuxo todo un "salto conceptual" e, no aspecto práctico, "revolucionou" a capacidade de precisión da metroloxía (a ciencia da medida e as súas aplicacións), neste caso no campo dos fenómenos eléctricos e na física atómica e de partículas.