Agrávase a crise do lixo na Coruña
Agrávase a crise do lixo na Coruña
A cidade leva unha semana sufrindo deficiencias no servizo de recollida
"O lixo xa ves como está aquí almacenado diante do local, e non é a primeira vez, non sei a que é debido ou a que non é debido, pero o problema é que o temos diante do negocio", conta o propietario dun bar da Coruña
Colectores a rebordar, e non nunha, nin en dúas nin en tres rúas. A lamentable imaxe repítese en varias rúas da cidade, con máis frecuencia canto máis nos afastamos do centro. Lixo tirado polo chan agardando ser recollido pola empresa concesionaria do servizo. E así levan unha semana. Un novo capítulo dun conflito enquistado dende hai uns anos que, coma sempre, pagan os veciños.
"Eu levo unha semana véndoo así".
"Eu o que non acabo de entender é como dicían que había unha empresa para recoller e, agora que hai tres, en vez de estar mellor a cada paso estamos peor".
"Eu creo que recollen por zonas e as outras quedan, paréceme, non o sei", comentan varios veciños.
Os colectores de vidro e cartón son os máis damnificados.
"A primeiros de semana empezou a acumularse o cartón e o vidro, pero o resto do lixo vexo que o recollen, máis ou menos", apunta outro.
O conflito coa recollida de lixo non é novo. A crise máis grave ocorreu hai dous anos cando foi necesario declarar unha emerxencia sanitaria. Daquela a folga no servizo foi encuberta. Agora se non é, cando menos aos veciños lles parece.
"Non se pode dicir, pero supoño que si, suponse, saberano eles", di con sorna.