Nova edición no Gaiás do encontro Mo_cidade para fomentar o emprendemento
Nova edición no Gaiás do encontro Mo_cidade para fomentar o emprendemento
Máis de 200 persoas participan nesta cita de formación, cultura e lecer
No Gaiás celébrase esta fin de semana a segunda edición do encontro Mo-cidade que naceu en 2019 como espazo de formación, cultura e lecer para fomentar a creatividade e o espírito emprendedor da xuventude. A pandemia impediu realizar o encontro do ano pasado, polo que esta é a segunda edición.
"Este ano facémolo de novo, recuperando a presencialidade. En formato aínda reducido con respecto a 2019, que trouxeramos 500 rapaces. Este ano somos uns poucos menos pero con moitas ganas, con moita motivación", explica a directora xeral de Xuventude da Xunta.
Tecnoloxía ou videoxogos centran as mesas redondas abertas ao diálogo con referentes galegos e do panorama nacional nestes ámbitos. Como Jaime García Cantero, director de El País Retina, que di que a tecnoloxía non é só cousa dos xigantes dixitais.
"Hai un montón de oportunidades. A tecnoloxía democratiza a capacidade de xerar ideas, construír proxectos, de xerar contidos. Creo que hai que aproveitar desde os territorios, desde o local e pensar que somos creadores e non só consumidores", subliña o director de El País Retina.
Natasha Durán, membro da Asociación de Desenvolvemento Español de Videoxogos, considera que estes encontros son precisos para que os máis novos teñen exemplos próximos.
"Cando empecei non tiña tanta referencia nova como relatora. Sempre era xente moi maior e tiñas a sensación de que non podías chegar se non pasaban os anos", cóntanos.
A cofundadora de Naduku Games confesa que arrancar como emprendedora custa. Pide apoio institucional, que se simplifiquen os trámites e que o sistema educativo busque os talentos individuais.
"Non creo que todo o mundo poida calcularse igual. Non somos máquinas. Creo que se equivocan neste sentido, ademais de non ensinar cousas básicas: como facer un contrato, abrir unha conta nun banco, intelixencia emocional", enumera.
O encontro reúne máis de 200 mozos, de entre 18 e 30 anos. A idea é que os coñecementos adquiridos lles sirvan para tecer proxectos futuros ou que encontren perfís afíns para desenvolvelos.