Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Coruña declara a emerxencia sanitaria para retirar o lixo amoreado desde hai un mes

A Coruña declara a emerxencia sanitaria para retirar o lixo amoreado desde hai un mes

Unha empresa externa contratada polo Concello retirará o lixo

Os incendios de residuos foron continuos durante a fin de semana

Lixo amoreado nas rúas da Coruña este luns
G24.gal 21/07/2024 13:50 Última actualización 22/07/2024 08:07

A Coruña está xa en situación de emerxencia sanitaria, por tanto, o Concello pode xa proceder a contratar no prazo de 24 horas unha empresa externa para retirar o lixo que se amorea desde hai un mes, cando comezou a folga do servizo de recollida. O ultimato de 72 horas dado pola Administración local non deu resultado.

A temperatura do conflito vai en aumento, alimentada polos incendios que nos últimos días queimaron ao redor de 70 colectores en puntos dispersos da cidade. 

Na madrugada do sábado ao domingo arderon 16 colectores en varios puntos da cidade

No barrio de Labañou arderon dous e un coche foi afectado polas lapas. Foi o primeiro lume dunha noite que rematou con dezaseis colectores destruídos e varias fachadas e escaparates de comercios danados polas lapas e o fume.

Terceira noite consecutiva con colectores queimados

A primeira alerta que agoiraba que a noite ía ser longa na Coruña saltaba sobre a unha da madrugada na rúa Abad Conde. Neste punto do barrio de Labañou ardían dous colectores.

Un turismo era afectado polas lapas e os bombeiros tiveron que empregar 2.500 litros de auga para controlar o lume. Tras extinguiren outro incendio lindeiro, a partir das tres da madrugada a situación complicábase.

En hora e media activáronse oito alertas por incendios no mobiliario urbano esparexidos entre o centro da cidade e barrios distantes, coma Os Castros e Labañou. 

Os bombeiros, que non deixan de intervir en sucesos similares dende o xoves, chegan a empregar ata cinco dotacións para evitar unha desgraza. 

Que os incendiarios actuasen previamente nunha rúa non é garantía de que non o volvan intentar. Que llelo digan aos veciños da rúa San Diego, nos Castros, que reviviron esta madrugada o medo de ver o lume ameazando vehículos e vivendas, no mesmo lugar onde aconteceu hai unha semana.

Patrullas da Policía Local e Nacional percorreron as zonas afectadas en busca dos autores.

Mentres, a veciñanza asiste indignada a unha sorte de lotería que polo día pode tocar en forma de beirarrúas cheas ou limpas de lixo e pola noite, con ese mesmo refugallo consumíndose entre fume e lapas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade