A Xunta e o Concello de Santiago non alcanzan acordo para o aparcadoiro do CHUS
A Xunta e o Concello de Santiago non alcanzan acordo para o aparcadoiro do CHUS
A oferta da administración autonómica pasa por que o Concello poña tres millóns e medio e a Xunta comprométese a investir a mesma cantidade en saneamento no rural de Compostela
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, di que analizarán a oferta, pero cre que era mellor a proposta de construír o aparcadoiro fóra do recinto hospitalario
A reunión mantida este martes entre a Xunta e o Concello de Santiago para avanzar na colaboración para a mellora da mobilidade e o aparcamento do Hospital Clínico Universitario concluíu sen acordo.
Tras o encontro, que se estendeu durante dúas horas, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, mostrou o seu desacordo coa proposta que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o titular de Sanidade, Julio García Comesaña, pois, na súa opinión, supón “un cambio de escenario”.
Nesta cita a Xunta propuxo un “marco xeral de colaboración” para crear 1.000 prazas de aparcamento no Hospital Clínico e estender o saneamento ao rural.
A Xunta considera que o Concello de Santiago debe implicarse para integrar o hospital na cidade e para facilitar o acceso á sanidade pública, “do mesmo xeito que fan os concellos de Pontevedra e da Coruña”, insistiu Vázquez.
Para iso, o Goberno galego propón que o Concello habilite como aparcadoiro en superficie a parcela do CiMUS, seguindo o modelo do de Santa Marta, conservando, ademais, a súa titularidade.
Esta iniciativa permitiría dispoñer dun espazo de aparcadoiro complementario a curto prazo, que aliviaría a situación do hospital. Como solución definitiva, sería preciso executar obras de humanización e dotación de 1.000 novas prazas de aparcamento na contorna do hospital, para o que se solicita unha achega municipal de 3,5 millóns de euros, unha petición menor á que a Xunta solicitaba con anterioridade, que se situaba en 4,3 millóns.
A cambio, explicou a titular de Infraestruturas, a Administración autonómica compensará esa cantidade que pon o Concello investíndoa en saneamento e abastecemento para o rural compostelán.
Se hai acordo, Augas de Galicia investirá eses 3,5 millóns de euros no saneamento do rural de forma que "o Concello quedaría practicamente a cero" na súa achega, explicou Ethel Vázquez.
A xuízo da conselleira, esta é unha proposta “xenerosa” e, por iso, pediu ao Concello que a estude en detalle e a teña en consideración por tratarse dunha alternativa facilitadora para poder ofrecerlles á cidadanía solucións reais para os problemas reais que afectan ao seu día a día, dixo.
Con todo, Goretti Sanmartín comentou que está sorprendida pola proposta da Xunta, aínda que lamenta que novamente a iniciativa autonómica non contemple un plan de transporte colectivo para os traballadores do Clínico, porque son "o 70 por cento" dos usuarios do aparcadoiro actual a primeira hora da mañá.
O conselleiro de Sanidade explicou que a Xunta propón unha solución "moito máis integradora" cun aparcadoiro semisubterráneo, non en altura, nos actuais terreos do heliporto, que no seu caso se recolocará encima do propio hospital.
Con todo, a alcaldesa incidiu en que a opción que expón o seu Goberno é máis concreta porque o “Concello quere ir a unha visión máis xeral, de crear unha contorna agradable e amable para os pacientes", asegurou Sanmartín.
Respecto á proposta para devolver os investimentos no CHUS a través doutras actuacións no rural, a rexedora mostrou sorpresa xa que, segundo ela, trátase de cantidades que o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lle comprometera.
Con todo, remarcou o seu "interese de traballar polo rural", polo que estudará a proposta nun prazo curto de tempo.