Debate polo aparcadoiro de Xoán XXIII, en Santiago, reservado en exclusiva a residentes
As 85 prazas son para residentes da zona 5 e polo día "quedan moitas baleiras"
Algúns veciños cren que son necesarias, outros piden zonas brancas para traballadores, estudantes e visitantes
Prazas de aparcadoiro baleiras nunha mañá laborable no centro de Santiago. A explicación, para algúns, está nun sinal: tan só os residentes da ZONA 5 poden usar as 85 novas prazas de Xoán XXIII.
"Crearon un montón de prazas e a metade quedan baleiras, eu se veño en coche ou me veñen buscar non poden aparcar".
"A min indígname porque non contan cos traballadores que vimos aquí todos os días, nin cos universitarios, nin cos turistas".
"Se tes unha visita, ven o teu fillo á casa, ou un obreiro para traballar, non poden sen que os multen".
Pero tamén hai quen defende a necesidade de que todas as prazas queden reservadas para os veciños. Sobre todo porque existe un proxecto para humanizar o barrio que, previsiblemente, eliminará zonas de aparcadoiro na rúa Ultreia.
"O espazo é para quen o habita. A min me parece moi ben que as fixeran para residentes e defendo que sexa as 24 horas. A min unha praza de 12 horas non me soluciona, teño que acordarme de baixar e movelo porque cambia a zona".
"Agora tal como estamos eu sería partidario de poñer algunha praza branca polo día, pero se se fan esas obras, ao mellor os veciños da Ultreia precísanas despois".
E neste debate son moitas as voces que piden unha solución mixta, que deixe dispoñibles prazas en horario laboral.
"Que poñan para residentes a partir dunha hora e de día que a xente que traballa poida aparcar".
"A práctica amosa que hai sitio abondo para facer prazas das dúas cores".
O Concello explicou que a zona está aínda en período de avaliación da ocupación das prazas, sen descartar que nun futuro se poida cambiar algunha de verde a branca.