Nova xornada de calor na conca ourensá do Miño
Nova xornada de calor na conca ourensá do Miño
Ourense volveu estar en aviso amarelo polas altas temperaturas
A conca do Miño e Valdeorras subiron esta tarde dos 36 graos
As noites, tamén calorosas, dificultan o descanso
A calor baleira a cidade de Ourense. Apenas hai tráfico nos accesos ao centro urbano e as terrazas arden ao sol. Só os habituais saben como protexerse nas horas de máis calor.
"Busco sombra detrás da columna. Á mañá agradécese, pero agora pola tarde, menos, que está quente", comenta unha vendedora do cupón desde os soportais da Praza Maior.
Na zona vella, á sombra dos edificios, deambulan os turistas, á procura dalgunha visita refrescante.
"Na catedral é onde mellor se está, ao fresco", di un navarro de visita en Ourense.
E os que chegaron despistados, sen saber onde se metían, tiran de auga fresca e xeados.
"Eu son de Castelló e alí estase máis fresco, tanto que se meten coa Comunidade Valenciana e que en Galicia vai fresco...", ri un turista.
Claro que tamén hai quen desfruta destas altas temperaturas, 37 graos e medio ás 6 da tarde.
"A calor vaime ben. A min gústame. Ao meu home non, pero a min si", di unha francesa.
O peor, din os de aquí, son as noites:
"Eu levo unhas semanas fóra, no sur, e custoume máis durmir aquí". "Aire acondicionado!", sinalan dúas ourensás.
En Oira atopamos os que faltan nas rúas refrescándose á beira do Miño para afrontar outra xornada máis de calor.