Novas mobilizacións do persoal de Navantia en Ferrol
Novas mobilizacións do persoal de Navantia en Ferrol
Reclaman os investimentos pendentes do anterior plan estratéxico e que se concreten os do que xa está en vigor
Estableceron un calendario de mobilizacións, con paros previstos ata o día 25
Comeza un novo calendario de mobilizacións en Navantia Ferrol, con paros previstos ata o día 25. Mentres avanzan as negociacións do convenio colectivo, que queren renovar antes do verán, saíron á rúa para reclamar os investimentos que quedaron pendentes no anterior plan industrial.
"Prometera un dique que non se fixo e caeu do plan", explica Emilio García Juanatey, presidente do comité de empresa.
Fala tamén da fábrica de bloques, que si se recolle no plan vixente, pero "segue aí con informes de impacto, e a primeira pedra non se puxo en máis de cinco anos". Para García Juanatey, a fábrica de bloques é "moi importante para mellorar os procesos produtivos", por iso, di, insisten en que "ten que saír xa".
Navantia ten o plan de traballo establecido ata 2027, pero urxen o Goberno a que concrete tanto os investimentos como a distribución das prazas que se van crear.
"O presidente anunciou que habería 1.500 prazas en Navantia, pois haberá que dicir para que son, en que centro se van incorporar, e en que condicións", di o presidente do comité.
En canto á carga de traballo, explica que, malia que está previsto duplicala, "aínda non están definidos eses contratos", polo que insiste en que "é importante avanzar" nese sentido.
Os de Navantia Ferrol uniron forzas nunha marcha conxunta cos traballadores doutras empresas da comarca, Lidl e GT Motive, tamén en folga.