Novas oportunidades profesionais no audiovisual para estudantado de ciclos formativos
Novas oportunidades profesionais no audiovisual para estudantado de ciclos formativos
Alumnado de carpintería e de escolas de artes fórmase para traballar no departamento de atrezo
No programa "Formando equipo: traballa no audiovisual" colaboran empresas como Netflix ou Vaca Films
Un ámbito da Formación Profesional con demanda de traballadores é o sector audiovisual. Esta mañá clausúrase en Santiago o programa "Formando equipo: traballa no audiovisual", onde o alumnado de carpintería os escultura aprenden a confeccionar espazos de película.
Recrear diferentes espazos, reais ou non, de épocas remotas ou das máis actuais. O departamento de atrezo dunha película crea o mundo onde ocorren as historias. Iso é o que están aprendendo os estudantes do programa Formando equipo: traballa no audiovisual, da man Netflix, Vaca Films e a Fundación FAD Juventud.
"No mundo do audiovisual sempre é preciso crear escenarios, crealos desde cero, e no mundo da carpintería é algo que adoitas facer, crear desde cero un moble ou atrezo, e é algo que os carpinteiros poden aproveitar", asegura Xosé Manuel Pallas, estudante de carpintería no CIP Politécnico de Santiago.
"Paréceme unha grande oportunidade que che deixen achegarte así e veñan profesionais do sector falar contigo, ensinarche o seu traballo, que vexas de verdade como é por dentro todo e que che dean as súas propias opinións", valora Andrea García, que estuda escultura na EASD Pablo Picasso.
É unha formación específica de 38 horas que combina sesións presenciais e en liña e que lle proporciona ao alumnado de carpintería ou de ciclos artísticos novos coñecementos.
"Aprenden como se poderían aplicar as formacións propias que fan na produción audiovisual. Hai temas moi técnicos, outros prácticos, coñecen unha produción e despois tamén se fala de temas como a diversidade, a sostibilidade e cousas que quizais non están tan inseridas nos seus ciclos formativos", describe Beatriz Matín Padura, directora xeral da Fundación FAD Juventud.
Rematan así unha formación que lles descubriu oportunidades profesionais que moitos deles nunca pensaran.