Nove encapuchados e con cadeas propínanlle unha malleira a un home en Ourense
Nove encapuchados e con cadeas propínanlle unha malleira a un home en Ourense
Os feitos sucederon na praza do Ferro, na zona vella da cidade
Nove persoas coa cara tapada, armadas con cadeas, cintos e puños americanos déronlle unha malleira a un home na praza do Ferro. Todo sucedeu contra as catro da mañá e o tránsito de peóns era escaso nas rúas Viriato, Pizarro e Lepanto que dan á coñecida praza da cidade.
Os integrantes do grupo agresor serían, ao parecer, oito homes e unha muller con suadoiros que levaban agochadas as armas coas que atacaron o home que traballa na hostalaría nun céntrico local de Ourense.
Testemuñas da malleira identifican o grupo protagonista cun colectivo de ideoloxía marxista-leninista que puideron atacar a vítima pola súa suposta ideoloxía de extrema dereita, xa que leva tatuaxes con símbolos nazis.
Antes de que o agrediran, insultárono e cando lles contestou comezaron a pegarlle con violencia. Cando chegou a Policía ao lugar os agresores xa fuxiran da zona. Unha muller, enfermeira, que pasaba polo lugar atendeu o home con axuda doutras persoas mentres chegaba unha ambulancia.
Dez patrullas da Policía Local e da Nacional chegaron pouco despois pero non lograron a detención de ningún dos protagonistas da agresión. Ante a demora dunha ambulancia os axentes trasladaron nun vehículo patrulla a vítima en estado consciente, cun labio roto e brechas na cabeza.
Os amigos que ían co ferido aseguran que "non coñecían os agresores". A vítima aínda non presentou denuncia, trámite que podería facer nas próximas horas, mentres, a Policía Nacional abriu unha investigación para dar cos autores da malleira.