A campaña da renda chega con novidades para os contribuíntes galegos
Este ano a campaña para presentar a declaración da renda comeza o dous de abril, antes do que vén sendo habitual
Antes de presentala, os expertos recomendan estudar as deducións que se poden aplicar en Galicia, xa que hai novidades
A tentación de aceptar o borrador da declaración da renda case sen revisalo pode saírnos cara. Rafael Mosquera Moreno, experto fiscal en Tax Down, apunta: "Facenda ofrécenos un borrador inicial que non inclúe as deducións ás que temos dereito".
Non todas as comunidades autónomas aplican as mesmas deducións fiscais. En Galicia, hai novidades.
Alfonso Otero Guinea, responsable da área contable e fiscal de Blázquez e Astorga en Vigo, explica que "a primeira é a dedución por nacemento do terceiro fillo, que pode chegar aos 2.400 euros".
Mosquera engade outra "que aplica para quen adquira accións ou participacións sociais de empresas que se dediquen a unha actividade considerada de interese xeral ou cultural".
E Otero sinala que "outra dedución nova aparece no alugueiro de vivendas baleiras, hai unha dedución de 500 euros se se cumpren uns requisitos". "Ademais, nos alugueiros de vivenda habitual, para intentar dinamizalos, había unha redución do rendemento neto de ata o 60 % e este ano pode chegar ata o 90 %".
Este ano, o prazo para presentar a declaración comeza o 2 de abril e remata o 30 de xuño.