Publicador de contidos
Publicador de contidos

A folga do funcionariado volve poñer en xaque a actividade xudicial este luns

A folga do funcionariado volve poñer en xaque a actividade xudicial este luns

Os sindicatos convocaron paros parciais de xeito indefinido e un paro total para o mércores

Piden unha suba salarial en liña coa pactada cos letrados, que recibirán entre 430 e 450 euros brutos máis ao mes

Xuíces e fiscais non descartan a folga e os avogados de oficio anunciaron o inicio de mobilizacións

 

G24.gal 16/04/2023 20:08 Última actualización 16/04/2023 21:41

Tras máis de dous meses de folga indefinida, o 28 de marzo os letrados da administración de Xustiza chegaron a un acordo co Ministerio e desconvocaron o paro. Pero o final deste conflito desencadeou outros que ameazan con seguir paralizando a actividade dos tribunais.

Desde este luns 17 de abril, o funcionariado dos xulgados está chamado polos sindicatos CSIF, STAJ, CCOO, UXT e CIG a unha folga para reivindicar unha suba salarial en liña coa pactada cos letrados, que percibirán mensualmente entre 430 e 450 euros brutos máis.

Quen son

Representan o 93 % do persoal da administración de Xustiza. Son 45.000 profesionais, na súa maioría dos corpos de xestión, tramitación e auxilio xudicial, pero tamén médicos forenses e corpos especiais do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses.

Pertencen aos subgrupos A1, A2, C1 e C2  e as súas titulacións van desde o grao en Medicina e outros títulos universitarios ata o graduado escolar. Traballan en todo o territorio nacional.

Que reclaman

Os sindicatos esixen que se lles incremente na súa nómina o complemento xeral do posto, "o único concepto retributivo de aplicación para todos os corpos xerais e especiais e para todos os ámbitos territoriais", estean as competencias de Xustiza transferidas ou non.

Na liña do acordo alcanzado cos letrados, piden que estas subas sexan de 430 euros brutos mensuais para o persoal da categoría A1; 400 para o subgrupo A2; 375 para o C1 e 350 para o C2.

Tamén reclaman a paralización da tramitación parlamentaria da Lei de eficiencia organizativa do sector público de xustiza, que cambiará cuestións orgánicas dos servizos xudiciais.

Para iso, os sindicatos iniciaron o mércores pasado unha rolda de contactos cos grupos parlamentarios, empezando por Unidas Podemos.

Como é e como afectará 

Despois de dúas reunións nas que Xustiza non lle fixo "ningunha proposta", segundo os sindicatos, a partir deste luns, e de xeito indefinido, realizarán paros parciais entre as 10:00 e as 13:00 horas.

Ademais, o mércores hai convocado un paro xeral durante toda a xornada e unha "gran manifestación" en Madrid, que partirá desde o Ministerio de Xustiza e á que se agarda que acudan traballadores de toda España.

Segundo un documento do Ministerio sobre servizos mínimos, os xulgados e fiscalías de garda contarán con todo o seu persoal. Garantiranse, pola súa consideración de servizos esenciais, os actos necesarios do Rexistro Civil, as causas con preso e as medidas cautelares.

Tamén, as actuacións nas que venza un prazo e aquelas xa sinaladas nas que interveña unha persoa menor, con discapacidade ou especialmente vulnerable, entre outras.

Que di o Ministerio de Xustiza

A ministra Pilar Llop, que se comprometeu a dialogar sobre as reivindicacións sindicais, pediulle este xoves ao persoal que mire pola cidadanía e "non cause un prexuízo" no servizo público.

Lembrou que o funcionariado das comunidades autónomas que non teñen cedidas as competencias "xa tiveron unha suba salarial" que supuxo un paquete orzamentario duns "corenta millóns de euros que se consolidaron nos orzamentos dos anos seguintes".

Outras frontes abertas

Xuíces e fiscais expresáronse na mesma liña, aínda que sen un calendario claro nin con "medidas de presión establecidas", tras senllas reunións con Xustiza que cualificaron de "decepcionante" e "desalentadora", respectivamente.

Aínda que o Ministerio xa convocou para o vindeiro 3 de maio a mesa de retribucións, o portavoz da Asociación Xudicial Francisco de Vitoria, Jorge Fernández Vaqueiro, di que "non garante nada" e que deben seguir planificando ditas accións, sen descartar a folga.

Tamén os avogados da quenda de oficio anunciaron o inicio de mobilizacións para defender os seus dereitos de melloras profesionais e retributivas, e estenderon este chamamento a toda a avogacía. O próximo 27 de abril concentraranse ante o Congreso dos Deputados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade