Publicador de contidos
Publicador de contidos

Israel mata o líder de Hezbollah e di estar listo para unha "escalada máis ampla"

Israel mata o líder de Hezbollah e di estar listo para unha "escalada máis ampla"

O grupo xiíta confirmou a morte do seu líder, Hasán Nasrallah, nun bombardeo das tropas hebreas en Beirut

O Ministerio de Saúde Pública libanés fai un chamamento aos centros sanitarios para que deixen de atender casos non urxentes

Un home camiña sobre os cascallos na zona bombardeada. REUTERS/Ali Alloush
G24.gal 28/09/2024 08:14 Última actualización 28/09/2024 22:00

O Exército israelí da por" liquidada" a cúpula militar do movemento xiíta libanés Hezbollah, incluído o seu máximo líder Hasán Nasrallah, e asegura estar preparado para unha "escalada máis ampla" en caso dun ataque en represalia, coordinado por Irán.

Segundo informaron as tropas hebreas, morreu este venres durante o bombardeo da sede central do movemento no arrabalde sur de Beirut, coñecido como o Dahye.

"Hasán Nasrallah está morto", adiantou en X o voceiro castrense para a prensa internacional, Nadav Shoshani, tras unha noite de especulacións despois de que o líder xiíta non dera sinais de vida.

Nun comunicado castrense máis detallado, confirmou a súa morte xunto a outros comandantes xiítas, entre eles, Ali Karki, da Fronte Sur, que tamén se atopaba no cuartel xeral subterráneo cando foi bombardeado.

"O ataque levouse a cabo mentres a cadea de mando superior de Hezbollah operaba desde o cuartel xeral e promovía actividades terroristas contra a cidadanía do Estado de Israel", di o texto.

Horas máis tarde, Hezbollah, cuxo brazo armado é considerado organización terrorista polos EUA e a UE, confirmaba o falecemento do seu líder tras os bombardeos masivos sobre a capital libanesa.

Outros líderes da organización

O día 20 de setembro, Israel xa matou noutro ataque en Beirut o xefe de operacións militares e das forzas de elite Radwan, Ibrahim Aqil, no que tamén morreron polo menos outros 16 membros do grupo e decenas de civís.

A finais de xullo, noutro bombardeo en Beirut, foi asasinado o entón número dous de Hezbollah, Fuad Shukr. Agora, a morte do líder do movemento desde 1992 abre un escenario impredicible.

"Esperamos que [o ataque] cambie o modo de actuar de Hezbollah [...]. Estamos preparados para unha escalada máis ampla? Si. As nosas forzas están en alerta máxima, (os servizos de) intelixencia mostran unha alta preparación", asegurou un portavoz castrense á prensa internacional, vía videoconferencia.

Novos bombardeos

Cazas israelís bombardearon este sábado polo menos un punto ao leste de Beirut coincidindo cunha nova vaga de intensos ataques aéreos contra a rexión oriental do país, despois de que esta madrugada xa se rexistraran accións sen precedente contra os suburbios do sur da capital.

Unha explosión resoou na capital libanesa á primeira hora da mañá, mentres os medios locais informaban dun bombardeo preto da localidade de Bhamdoun, a 20 quilómetros de Beirut, unha zona ata o de agora allea á violencia que se concentraba en bastións de Hezbollah.

Paralelamente, a Axencia Nacional de Noticias do Líbano (ANN) informou de "violentos" bombardeos en varias zonas do val da Bekaa e Hermel, na fronteira con Siria.

"As Forzas da Defensa de Israel están a atacar agora obxectivos terroristas de Hezbollah na rexión da Bekaa, no Líbano", confirmou pola súa banda o Exército israelí nunha concisa mensaxe na súa conta de X.

Segundo a ANN, de madrugada tamén foron bombardeados diversos puntos do sur, algúns deles nas áreas adxacentes á fronteira de facto entre ambos os dous países.

Israel xa bombardeara durante a madrugada numerosos puntos do arrabalde sur de Beirut. O Exército hebreo asegurou que entre os seus obxectivos estaba armamento almacenado baixo inmobles residenciais, un extremo que o movemento libanés negou nun conciso comunicado.

Máis de 700 vítimas mortais

Desde que Israel iniciou o luns pasado a súa campaña de bombardeos no Líbano, precedida pola explosión de 5.000 aparellos de comunicación en mans de membros do grupo xiíta, morreron máis de 700 persoas, segundo o Ministerio de Saúde Pública libanés.

Columnas de fume tras os ataques no sur de Beirut. REUTERS/Mohamed Azakir Columnas de fume tras os ataques no sur de Beirut. REUTERS/Mohamed Azakir

Evacuación de hospitais

Tras a vaga de bombardeos, as autoridades libanesas prepáranse para evacuar os hospitais situados nos suburbios meridionais de Beirut.

O Ministerio de Saúde Pública, que aínda non ofreceu unha cifra de vítimas dos últimos ataques, chamou "aos hospitais en Beirut, Monte Líbano e zonas non afectadas pola agresión israelí" a que deixen de atender casos non urxentes polo menos ata finais da próxima semana.

"É para permitir a recepción de pacientes dos hospitais dos suburbios do sur de Beirut, que serán evacuados debido aos desenvolvementos da agresión(...) O Ministerio tamén chama aos hospitais e centros sanitarios a prepararse para proporcionar atención aos pacientes desprazados de noite desde os suburbios, xa que se agarda que as súas responsabilidades e tarefa aumenten coa suba no número (de desprazados)", anunciou o departamento gobernamental nun comunicado.

Xente inspecciona os danos provocados polos bombardeos. REUTERS/Mohamed Azakir Xente inspecciona os danos provocados polos bombardeos. REUTERS/Mohamed Azakir
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade