O 14 de xuño entra en vigor a chamada "excepción ibérica" para o prezo da enerxía
O 14 de xuño entra en vigor a chamada "excepción ibérica" para o prezo da enerxía
Limita o prezo do gas e aplicarase ao 20 % do prezo da electricidade, cando antes se aplicaba ao 100 % da produción
O BOE publica hoxe a Orde do Ministerio para a Transición Ecolóxica e os consumidores verano reflectido na factura a partir do 15 de xuño
A Comisión Europea autorizou onte a chamada "excepción ibérica": que se aplique o prezo do gas á porcentaxe de electricidade que se produce con esta enerxía
O Boletín Oficial do Estado publica este xoves unha Orde do Ministerio para a Transición Ecolóxica pola que fixa o día 14 de xuño para a entrada en vigor da chamada "excepción ibérica". Esta medida excepcional para España e Portugal foi autorizada onte pola Comisión Europea.
Esta medida supón o establecemento con carácter urxente e temporal dun mecanismo de axuste para a redución do prezo da electricidade no mercado grosista mediante a limitación do prezo do gas.
Segundo esta orde, o 14 de xuño os axentes deberán aplicar a contía unitaria do axuste para que a casación do mercado diario se realice ao día seguinte. É dicir, os consumidores deberían velo aplicado na súa factura a partir do 15 de xuño.
O presidente do Goberno celebrou que Bruxelas aprobase o tope ao gas que, asegura, vai baixar a factura da luz. Pedro Sánchez pon en valor a unión dos gobernos socialistas de España e Portugal nesta iniciativa. O líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, quere saber se os consumidores van pagar parte desa rebaixa.
A medida excepcional suporá un aforro de entre o 15 % e o 20 %
A chamada excepción ibérica significa que desde o 14 de xuño o prezo do gas, que era o que estaba disparando os prezos da electricidade, só se vai aplicar ao 20 % da factura da electricidade, que é a cantidade de electricidade que se produce en España con esta enerxía. Ademais, Teresa Ribera lembrou que con esta medida excepcional España e Portugal terán un tope ao prezo do gas cun prezo medido duns 48 euros por MWh que vai permitir aos consumidores españois un aforro de entre o 15 % e o 20 % da factura que se tería en ausencia do mecanismo.
A medida implica unha axuda de 6.300 millóns para España, segundo a Comisión Europea
Segundo a Comisión Europea, a medida implica unha axuda estatal de 8.400 millóns de euros, 6.300 millóns para España e 2.100 millóns para Portugal, destinada a reducir os prezos grosistas da electricidade no mercado ibérico (MIBEL) mediante a redución dos custos de entrada das centrais eléctricas alimentadas con combustibles fósiles.
Desta forma, Bruxelas dá o seu visto e prace ao mecanismo dez semanas e media despois de que o presidente do Goberno Pedro Sánchez e o primeiro ministro de Portugal António Costa conseguisen nun cume que o resto de líderes recoñecese as particularidades da Península Ibérica para facer fronte á escalada de prezos enerxéticos.
É unha medida excepcional que estará en vigor ata o 31 de maio de 2023
A ministra para a Transición Ecolóxica destacou que este mecanismo supón "unha moi boa noticia" e é "compatible con todos os tratados".
"Trátase dunha medida excepcional, nun tempo excepcional, que vai permitir contar cun nivel de protección ata o 31 de maio de 2023 moito maior ao doutros consumidores europeos", dixo.
Este mecanismo "vai ser igual" en España e Portugal
A vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico Teresa Ribeira asegurou onte que este mecanismo "vai ser igual" en España e Portugal. Explicou que, salvo "algunhas diferenzas concretas, as regras son as mesmas" para ambos os países e descartou así a existencia dalgunhas asimetrías, como que en España as prórrogas e as renovacións de contratos pasaban a compensar o custo das centrais de ciclo combinado mentres que en Portugal só se consideraba como tal a renovación e quedan exentas as prórrogas.
Teresa Ribera afirmou que Bruxelas apoiou "integramente" o mecanismo deseñado e traballado polos equipos de España e Portugal "nos termos en que foi remitido".
Ribera, que recoñeceu que a aprobación final resultou un exercicio "complicado e tecnicamente difícil", valorou que a decisión formalmente adoptada pola Comisión Europea apoia "sen ningún tipo de cambio o publicado no Real Decreto-Lei".
O tope ao gas sométese hoxe a convalidación do Congreso
Precisamente hoxe, o tope ao gas sométese á convalidación do Congreso dos Deputados, un trámite no que o Goberno espera contar co apoio de "unha ampla maioría" de grupos políticos, como dixo a vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, tras a última sesión plenaria.
Na mesma liña manifestouse a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, que, en declaracións aos medios despois de coñecerse a aprobación definitiva do mecanismo por Bruxelas, pediu ao PP que apoiase este límite de prezo.
O sistema repercutirá directamente na tarifa regulada ou PVPC, á que están acollidos case 11 millóns de consumidores en España, e tamén se beneficiarán del os consumidores industriais con tarifas indexadas ao "pool", en torno ao 80 %.