Publicador de contidos
Publicador de contidos

O 15% dos adolescentes españois amosa síntomas de depresión, segundo Unicef

O 15% dos adolescentes españois amosa síntomas de depresión, segundo Unicef

 A metade dos trastornos inícianse aos 14 anos e un 75 % desenvólvese aos 24

EFE 10/10/2022 10:40

A metade dos trastornos de saúde mental comezan aos 14 anos e o 15 % dos adolescentes españois presenta síntomas de depresión "graves ou moderadamente graves", segundo datos presentados por Unicef España, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra este luns.

Os datos, que pertencen a unha enquisa elaborada por Unicef España coa Universidade de Santiago sobre unha mostra de 40.000 adolescentes, sitúa a ideación suicida nos adolescentes españois no 10,8 %.

Aínda que a metade dos trastornos se inician aos 14 anos, un 75 % desenvólvese aos 24, pero a maioría non se detecta e, por tanto, non se trata.

Para o director executivo de Unicef España, José María Vera, estes datos urxen a actuar "porque non son cifras frías sobre saúde mental, son nenos e adolescentes que merecen ser escoitados pero para mellorar o seu benestar emocional e acabar co tabú e o estigma, é necesario investir máis nesta franxa da poboación".

Vera valora o investimento en saúde mental contemplada nos últimos Orzamentos Xerais do Estado e a posta en marcha da liña 024 de atención ao suicidio pero incide na necesidade de dotar con máis recursos o Plan de Acción de Saúde Mental 2022-24 para a infancia e a adolescencia.

"Desde Unicef España pedimos un compromiso conxunto e decidido", sinalou o seu director executivo.

Tamén insiste en romper o estigma que existe ao redor da saúde mental e recoñece que aínda que se produciron avances nos últimos anos "aínda persisten crenzas negativas que poden levar a que as persoas non pidan a axuda que necesitan".

Co gallo de este Día Mundial, Unicef España difundiu un vídeo no que adolescentes como Gorka e Irene, de 11 e 13 anos, diríxense ao colectivo da súa idade a quen piden que ante síntomas de depresión ou ansiedade recorran a xente de confianza e soliciten axuda porque se teñen un problema de saúde mental non o poderán solucionar sós.

Recoñecen no vídeo que pode haber moitos detonantes: "problemas escolares, acoso escolar, querer encaixar na sociedade ou buscar ser perfectos" e enfrontarse a todo iso implica buscar axuda profesional.

Un dos puntos nos que remarca Unicef é a necesidade de reforzar o papel dos centros educativos a través do coordinador de benestar e protección, figura que empezou a operar este curso escolar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade