O 20 % da produción de alimentos ecolóxicos certificados en Galicia procede do mar
O 20 % da produción de alimentos ecolóxicos certificados en Galicia procede do mar
O I Congreso de Acuicultura Ecolóxica, que se desenvolve en Santiago, estuda as novas posibilidades deste sector da economía sustentable
A nivel mundial, o cultivo de algas representa o 30 % da produción acuícola e factura decenas de miles de millóns. Pero en Galicia, onde o uso culinario das algas é aínda incipiente, só hai de momento recollida silvestre. Apostar polo cultivo sustentable das algas é unha das principais ventás de oportunidade das que se falou hoxe no I Congreso de Acuicultura Ecolóxica.
"Galicia está nunha zona comparable ás grandes zonas de produción, como O Xapón, e o noso papel e tamén o do Consello Regulador é potenciar esas grandes posibilidades que teñen as algas galegas", explicou Sergio Baamonde, responsable de I+D en Algas Atlánticas Algamar.
Contrasta no caso das algas coa posición de liderado mundial no cultivo do mexillón. No I Congreso de Acuicultura ecolóxica de Galicia argumentaron que grazas á tradición, aos 1.500 quilómetros de litoral e ao bo nivel investigador, hai tamén en Galicia moitas posibilidades de diversificación.
"Hai novas formas como a acuicultura multitrófica integrada que está tentando facer un cultivo conxunto de augas co ourizo de mar, para repoboar zonas de ourizo que se perderon", engadiu Rosa Chapela, a Coordinadora da Área de Socioeconomía da Pesca no CETMAR
O Congreso foi tamén unha oportunidade para que o sector coñecese mellor a minuciosa normativa europea, derivada da Green Deal.
"É o conto da pita dos ovos de ouro, se matamos a pita acabáronse os ovos. Se non coidamos a ría, non só os produtos ecolóxicos, todos os produtos do mar van ao garete".
A acuicultura representa o 20 % do total de alimentos ecolóxicos certificados polo CRAEGA.