O 41 % das titulacións universitarias en Galicia cobren todas as prazas no primeiro corte
O 41 % das titulacións universitarias en Galicia cobren todas as prazas no primeiro corte
Publicadas as primeiras listaxes de admitidos nos graos universitarios de todas as universidades públicas galegas
As 78 titulacións que están xa completas repártense entre as universidades de Santiago e A Coruña, e non hai ningunha na de Vigo
A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) publicou este martes as primeiras listaxes de admitidos nos graos universitarios das universidades públicas galegas.
O 41 % das titulacións teñen todas as prazas cubertas, aínda que ningunha destas está na Universidade de Vigo (UVigo). Así, as 78 que están xa completas repártense entre as de Santiago (USC) e A Coruña (UDC).
A CiUG, tras este primeiro corte, lembra que só se poden matricular aqueles aspirantes que na Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) alcanzasen unha cualificación igual ou superior á da última persoa convocada que figura na listaxe.
No caso de que o solicitante apareza convocado nunha titulación que non sexa a súa primeira preferencia, poderá optar por esperar a ser admitido na súa preferida mentres esta non peche a admisión.
Titulacións pechadas na USC
Por universidades, na de Santiago están xa pechados 47 graos nesta primeira chamada. Nos campus da capital galega, é o caso de Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, Comunicación Audiovisual, Dereito, Economía, Educación Social, Enxeñería Informática, Enxeñería Química, Filosofía, Física, Historia, Historia da arte, Lingua e Literatura Españolas, Galegas e Inglesas, Matemáticas, Medicina, Educación Infantil, Primaria, Pedagoxía, Psicoloxía, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Traballo Social, Xornalismo, Biotecnoloxía, Criminología, Xestión de Empresas Hostaleiras e Intelixencia Artificial.
A estas súmanse os dobres graos en Comunicación Audiovisual e Xornalismo, Dereito e Relacións Laborais, Enxeñería Informática e Matemáticas, Matemáticas e Física, Química e Bioloxía, Química e Física, Farmacia e Óptica, e Educación Infantil e Primaria.
No Campus de Lugo, xa non aceptan máis alumnos Administración e Dirección de Empresas, Enxeñería Civil, Educación Infantil, Primaria, Enxeñería Agrícola e Afroalimentaria, Robótica, Bioquímica, Empresa e Tecnoloxía, así como as dobres titulacións en Ingenería Agrícola e Forestal, e Infantil e Primaria.
As titulacións da USC que pecharon coas maiores notas de corte son o dobre grao en Matemáticas e Física, onde o último alumno en entrar faio cun 13,590 na ABAU; Enxeñería Informática e Matemáticas, cun 13,252; e Medicina, cun 12,900.
Graos completos na UDC
Na Universidade da Coruña, hai 31 graos que pecharon nesta primeira chamada. Na propia cidade herculina, son ADE, Bioloxía, Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Comunicación Audiovisual, Dereito, Economía, Educación Infantil, Primaria, Educación Social, Enxeñería Informática, Náutica e Transporte Marítimo, Fisioterapia, Ciencia e Enxeñería de Datos, Creación Dixital, Animación e Videoxogos, Nanociencia e Nanotecnoloxía, e Intelixencia Artificial.
En canto ás dobres titulacións, na UDC están completas Bioloxía e Química, Turismo e Ciencias Empresariais, ADE e Dereito, Español e Gallego e Portugués, Inglés e Español, e o grao aberto en Ciencias Sociais e Xurídicas.
Nas facultades de Ferrol, son Enxeñería Electrónica Industrial e Automática, Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, Enxeñería Mecánica, Enxeñería Naval e Oceánica, Xestión Industrial da Moda, Relacións Internacionais, o dobre grao en Enxeñería Mecánica e Naval e Oceánica, e o grao aberto en Enxeñería Industrial.