O 80% dos coches que se venden son de segunda man
O 80% dos coches que se venden son de segunda man
Os prezos, as garantías e a dispoñibilidade inmediata, son os incentivos para mercar
Oito de cada dez coches que se venderon este ano son de segunda man. O sector de vehículos de ocasión medra fundamentalmente polos prezos.
"Hoxe os prezos dos coches novos disparáronse e hai grandes oportunidades nos coches de ocasión. Xa non é coma antes; agora son coches con garantías semellantes ás dun coche novo e a xente ten máis confianza á hora de mercalos", explica Manuel Pena, director comercial dun concesionario en Oleiros.
Pero o prezo e as garantías non son o único atractivo dos vehículos de ocasión. Moitos clientes buscan unha dispoñibilidade inmediata, que moitas veces non é posible no mercado de coches novos.
"A situación económica, a pandemia e os problemas de produción que houbo levaron á xente a buscar un produto no mercado con acceso inmediato. Temos que recordar que un coche de ocasión ou seminovo é un vehículo que a xente pode ver e pode ter ao momento. Non se trata dun vehículo polo quer teña que esperar meses", comenta Alejandro Ansede, responsable da sección de ocasión dun concesionario coruñés.
Os concesionarios de vehículos de ocasión perciben un interese crecente polos vehículos sostibles, con distintivos medioambientais ECO ou 0 emisións.