A Garda Civil recupera case un cento de coches de alta gama roubados en distintos países
A Garda Civil recupera case un cento de coches de alta gama roubados en distintos países
A operación, na que participaron as agrupacións de Tráfico de Pontevedra e de Ourense, permitiu deter 66 persoas
O valor dos turismos supera os 6 millóns de euros
Axentes da Garda Civil recuperaron 98 vehículos de alta gama e "premium" roubados en diferentes países, tanto dentro coma fóra da Unión Europea. Hai 66 persoas detidas integrantes dunha organización criminal dedicada ao roubo de vehículos pola súa implicación en diferentes delitos.
O valor dos turismos recuperados na operación "Suspicio", ascende a máis de 6 millóns de euros. A investigación iniciouse no ano 2022, por mor das comprobacións que realiza o Grupo de Investigación e Análise Central de Tráfico da Garda Civil coas xefaturas provinciais e oficinas locais de tráfico.
Colaboraron activamente nas investigacións, axentes de investigación e análise das agrupacións de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra e de Ourense.
Constataron a utilización de permisos de circulación falsos e falsificados, de diferentes países da UE que amparaban a legalización de vehículos previamente subtraídos e manipulados e que tiñan como destino España.
A organización criminal adquiría de forma ilegal vehículos en diferentes países da Unión Europea como Alemaña, Italia, España, Portugal, Países Baixos, Bulgaria, Francia, Italia, Dinamarca, Austria ou Bélxica, ou de terceiros países, como Reino Unido e Emiratos Árabes.
Despois modificábanlles os elementos de seguridade ou rastrexabilidade, cambiando a súa identidade real pola doutro vehículo de procedencia lícita, utilizando para iso permisos de circulación falsos ou falsificados. Tamén introducían vehículos de terceiros países sen homologación europea facéndoos pasar por europeos utilizando para iso documentos falsificados, co obxectivo de ocultar na aduana española a introdución de vehículos non comunitarios sen acreditar a súa correcta importación para aforraren os impostos especiais sobre os medios de transporte procedentes de terceiros países.
Unha vez que os vehículos estaban en España con documentación de aparencia legal, pasaban a ITV para obter a tarxeta de inspección técnica e matriculábanos e legalizábanos para introducilos no mercado nacional e internacional a través de plataformas de compravenda de vehículos.
A cargo da operación estivo o grupo central de investigación da agrupación de Tráfico da Garda Civil, co apoio da unidade técnica de Policía Xudicial e a Axencia Frontex.