O alcalde de Meaño volve ás filas do PP tras ser expulsado no 2019 por "deslealdade"
O alcalde de Meaño volve ás filas do PP tras ser expulsado no 2019 por "deslealdade"
López amosou a súa satisfacción "pola suma de esforzos e de persoas no Partido Popular"
O presidente do PP provincial de Pontevedra, Luis López, anunciou a volta ás filas da formación do alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, xunto con todo o seu grupo de independentes, agora baixo a denominación de Veciños de Meaño. O seu obxectivo, remarcou, é "construír un proxecto máis forte e unido".
Viéitez fora expulsado polo PP de Pontevedra no ano 2019 por unha "falta moi grave de deslealdade" cara á formación, despois de que os votos dos concelleiros populares do municipio no pleno local facilitasen que o PSOE asumise o control da Mancomunidade do Salnés.
Este xoves, en plena campaña para as autonómicas do 18 de febreiro, o PP de Pontevedra trasladou que Luis López ultimou o acordo para o regreso do rexedor, nunha reunión celebrada con todos os membros da formación independente e co concelleiro popular de Meaño, Suso Sueiro.
López amosou a súa satisfacción "pola suma de esforzos e de persoas no Partido Popular como a gran casa común do centro-dereita".
Desta forma, nos próximos días comezarán os formalismos e os procedementos regrados internos para confirmar a reintegración no PP. "Cando acaben esas cuestións administrativas empezaremos a funcionar como un grupo forte e maioritario en Meaño con nove dos trece concelleiros da corporación municipal", subliñou.
López agradece a xenerosidade
O presidente do PP provincial agradeceu a xenerosidade de Carlos Viéitez e de todos os seus compañeiros, do edil Suso Sueiro, "que fixo un grandísimo traballo e que demostrou ser un home de partido e unha persoa que puxo a Meaño por diante de todas as cousas", así como tamén da familia popular do Salnés.
"Todas as partes decidiron axuntar as súas sensibilidades e entenderon que o traballo conxunto e en común é moito máis produtivo para os meañeses e todos veciños da comarca", aseverou.