O alumnado galego de 15 anos sitúase á cabeza do estado en pensamento creativo
O alumnado galego de 15 anos sitúase á cabeza do estado en pensamento creativo
O Informe Pisa destaca que os estudantes españois superan a media da UE e da OCDE
Galicia é a terceira comunidade, tras Madrid e Castela e León, onde os alumnos máis destacan en xerar ideas e solucións
As mozas están por riba dos mozos e a situación económica familiar resulta un condicionante para favorecer o pensamento creativo
O rendemento medio en pensamento creativo do alumnado galego de 15 anos sitúase por enriba da media española, que á súa vez está por enriba da media dos países da UE e da OCDE.
Segundo os responsables do Informe Pisa, os rendemento medio dos alumnos galegos é neste ámbito de 34,3 puntos, sobre 60 posibles, e só superados polos de Madrid (34,8) e Castela e León (34,6).
A media española é de 32,8, practicamente a media da OCDE (32,7) e por enriba da UE (32,1). Son Corea do Sur con 33 puntos e Estonia con 35,9 os países que lideran esta clasificación.
Acalaran ademais os responsables do Informe Pisa que o resultado dos estudantes españois "están por riba do que cabería esperar de España en función do seu rendemento en matemáticas, e por riba do que cabería esperar en función do seu rendemento en lectura".
O informe define sete niveis en canto ao que se refire á competencia en pensamento creativo: <1, 1, 2 (nivel baixo), 3 e 4, e rendemento alto (5 e 6).
En España, o 80 % do alumnado alcanzou polo menos o nivel 3 de rendemento básico en pensamento creativo. Como mínimo, poden xerar ideas apropiadas para tarefas nas áreas de expresión e de resolución de problemas de complexidade simple a moderada, e empezan a demostrar a capacidade de xerar solucións orixinais en tarefas cotiás.
Doutra banda, o 25 % dos estudantes españois ten un alto rendemento en pensamento creativo. Nestes niveis, os adolescentes poden xerar e mellorar ideas creativas en tarefas complexas.
En España, unicamente un 15 % dos estudantes de alto rendemento son tamén os mellores en matemáticas, e un 14% son os mellores en lectura.
Iso suxire que se pode destacar en pensamento creativo sen sobresaír en ámbitos académicos (e viceversa).
No que se refire aos alumnos galegos, o 30 % están en niveis altos de rendemento. De novo, sitúanse terceiros nesta clasificación, por detrás de Madrid e Castla e León (31 %).
Ao analizar os criterios sociodemográficos, observase que as mozas destacan por enriba dos mozos, os alumnos de familias con maior capacidade económica por enriba dos desfavorecidos, e os nativos respecto dos inmigrantes.
Así vese que no informe a diferenza entre elas e eles é en España de 2,2 puntos en favor das mozas. O dato trasládase igual no caso galego, e é menor que a media da OCDE (2,7) e da UE (2,6).
En función do nivel socioeconómico, obsérvase que o alumnado favorecido presenta un rendemento moito maior que os seus compañeiros desfavorecidos. En España son 7,9 puntos de diferenza, por baixo da OCDE (9,5) e da UE (10,2). Esa diferenza é en Galicia de 6,2 puntos, cun nivel de equidade mellor, aínda sendo unha diferenza ampla.
Respecto á diferenza entre os alumnos nativos e os inmigrantes, sitúase en 3,6 puntos na media española, novamente por debaixo da OCDE (4,4) e da UE (4,7). No caso galego esa diferenza é de 4,8 puntos.
Algunhas características socioemocionais, como a curiosidade e a persistencia, tamén identifican os pensadores creativos. En España, ao 81 % dos estudantes gústalles saber como funcionan as cousas, o 69 % quere entender por que se comporta a xente así e o 55 % completa as tarefas mesmo cando son máis difíciles do que pensaba.