O alumnado de Carballo descobre os procesos de potabilización e depuración da auga
O alumnado de Carballo descobre os procesos de potabilización e depuración da auga
Gestagua e o Concello organizan visitas para todos os centros de primaria
Fano esta semana ao fío do Día Mundial da Auga que se celebra o 22 de marzo
Pretenden que sexan máis conscientes como consumidores do que supón abrir a billa
Un xesto tan simple e cotián coma o de abrir a billa implica un complexo e custoso proceso.
O Concello de Carballo e a empresa concesionaria da xestión da auga no municipio procuran que os usuarios sexan conscientes dese ciclo da auga para que contribúan a que a xestión do recurso sexa o máis eficiente posible. O Xefe de Servizo de Gestagua en Carballo, Benigno López, explícallelo aos escolares das visitas programadas esta semana para os centros de primaria, con motivo do Día Mundial da Auga.
O percorrido empeza no río Bardoso, onde está unha das captacións das que se abastece o concello de Carballo. Os primeiros visitantes son os alumnos das sete unitarias do Colexio Rural Agrupado Ponte da Pedra. Alí toman nota dos sucesivos filtrados que cómpre facer para que a auga estea apta para o consumo doméstico.
"Primeiro retiramos as follas, os paus e as pedras. Logo para quitarlle a terra engadímoslle un produto que fai que a terra se xunte e faga boliñas que, como pesan máis ca auga, caen para o fondo".
Tras a pausa para repoñer forzas a media mañá, seguirán o ciclo visitando un depósito de almacenamento e por último a depuradora de augas residuais. O responsable de Gestagua considera especialmente importante esta última parada para que os pequenos vexan por si mesmo a repercusión que ten por exemplo que as toalliñas cheguen aos sumidoiros en vez de ir como deberían ao cubo do lixo.