Unha parroquia de Bande corta a auga de noite porque os usuarios detectaron exceso de consumo
Unha parroquia de Bande corta a auga de noite porque os usuarios detectaron exceso de consumo
Dende a medianoite ata as sete da mañá non hai abastecemento da traída veciñal
A causa do exceso pode deberse ao gasto dalgún veciño ou a fugas na rede de tubaxes
Cedéronlle ao Concello a xestión da traída parroquial para que repare as avarías e instale contadores individuais
A parroquia de Santa Comba de Bande tomou a decisión de cortar a subministración da traída veciñal durante a noite, debido ao exceso de consumo que detectan e que pon en perigo o abastecemento durante o día. Unha medida que adoptan malia que, segundo aseguran, o caudal do depósito é suficiente para dar auga ao medio cento de veciños do pobo.
Pero notan que hai un consumo excesivo e tratan de saber a que se debe. "Non sabemos se é porque alguén abre a billa de máis ou porque as tubaxes, que non se renovan dende hai moitos anos, teñen fugas subterráneas que non percibimos", sinala un veciño. "Auga hai suficiente, e debera sobrar, pero hai un gasto excesivo. E non sei o que pasa en cada casa. O que si que sei é que hai fugas", comenta María Ángeles Alonso, secretaria da comunidade de usuarios da traída veciñal.
A parroquia duplica a poboación no verán. A polémica está servida porque hai quen culpa aos visitantes do exceso de consumo. "Nós vimos só tres meses e din que gastamos moita auga, pero mirade o que rego, apenas unhas plantas", sinala unha veciña da parte baixa da vila, que se sente aludida polos seus veciños.
Porén, a hipótese máis plausible é que a rede de tubaxes, xa moi antiga, teña fugas importantes que explicarían o exceso de consumo. "Técnicos de Aqualia fixeron unha revisión de toda a instalación e detectaron un pico de consumo incluso en inverno, o cal quere dicir que avaría si que hai, cunha fuga importante", asegura a secretaria da traída.
Para garantir o abastecemento, os usuarios acordaron en asemblea restrinxir o consumo polas noites. Instalaron un dispositivo automático que corta a saída de auga no depósito dende as doce da noite ata as sete da mañá. Deste xeito dáse tempo ao depósito a recuperar o caudal para que non haxa problemas durante o día. "Se non se pecha, non hai auga. Se se pecha, polo día non temos problemas", manifesta un veciño, que está de acordo coa decisión.
Os usuarios acordaron tamén cederlle a xestión da traída ao concello de Bande, para que sexan os servizos municipais os que regulen os caudais, os que reparen as avarías na rede de abastecemento. Ademais aprobouse a instalación de contadores individuais nas vivendas para controlar o consumo de cada casa. "Así cada quen sabe o que gasta. E quen se pase, pois haberá que pasarlle o recibo correspondente", apunta María Ángeles Alonso.
Así, a vixilancia de cada billa imponse como a mellor solución para eliminar receos e, de paso, garantir a subministración dun ben básico.