O anticiclón será protagonista na ponte festiva, sobre todo na metade sur de Galicia
O anticiclón será protagonista na ponte festiva, sobre todo na metade sur de Galicia
Agárdase calor, pero dentro dos valores normais do verán galego
Na metade norte poderá haber brétemas costeiras e tempo máis fresco
Boas noticias para os que vaian gozar desta ponte festiva:
"Agárdase un tempo tranquilo, sen onda de calor destacable e con protagonismo dun anticiclón que se aproxima", explica Alberto Romero de Meteogalicia.
A partir de mañá o ceos despexarase e a probabilidade de chuvia será baixa, sobre todo nas provincias de Pontevedra e Ourense. No norte pode haber algunha brétema costeira e un pouco máis de fresco, pero moitos agradéceno.
"Eu prefiro así, sen moita calor e tampouco chuvia, un día coma o de hoxe é perfecto".
"Eu fuxo dos 45 graos de Andalucía, isto é unha marabilla, podo durmir de noite".
"Pois eu que son de aquí e levo todo xullo con tempo inestable preferiría algo máis de calor para poder ir á praia, empezo agora as vacacións", di a xente na rúa.
Seguramente poida ir á praia porque irá calor, pero non extrema. Teremos os valores típicos do verán galego en cada zona.
"A provincia de Ourense, o sur de Lugo ou o baixo Miño estarán con máximas de 29 a 33 graos, algo máis ao mellor na zona do Ribeiro, e despois xa no norte entre 20 e 25 graos", engade o meteorólogo Alberto Romero.
Malia que o luns unha fronte feble como a de hoxe poida visitarnos, en xeral o tempo vai acompañar ao longo desta longa ponte festiva de agosto.