O arquitecto David Chipperfield, protagonista do programa ConCiencia da USC
O arquitecto David Chipperfield, protagonista do programa ConCiencia da USC
A inciativa do catedrático Jorge Mira, que xa touxo a Santiago a varios Premios Nobel, ábrese a novas disciplinas co Premio Pritzker de Arquitectura 2023
O arquitecto David Chipperfield é o protagonista esta tarde do programa ConCiencia, que dirixe o catedrático da USC Jorge Mira. O arquitecto británico, gañador do Premio Pritzker neste 2023, foi recoñecido entre outras cousas pola rehabilitación do Bar do Porto de Corrubedo, a localidade onde vive na actualidade.
O premio Pritzker de arquitectura 2023 era xa célebre internacionalmente polas súas intervencións urbanísticas en Berlín ou en Venecia. Nos últimos anos a súa obra é un salto reflexivo cara ao comunitario e o sustentable.
"Temos que aplicar o principio de sustentabilidade e ter claro que a rehabilitación de edificios sempre é mellor que a construción de edificios novos", di.
O arquitecto británico aproveita a ocasión para explicar que a calidade de vida non sempre se corresponde coas grandes cifras económicas. Explica que os galegos temos cousas que ensinarlle ao mundo.
"Agora podemos cuestionarnos sobre a nosa idea de progreso".
"Cando imos á rúa non imos ver un aparcadoiro ou unha autoestrada: imos atoparnos cos demais", reflexiona. O seu bar do porto de Corrubedo sustentase nesa idea central do que para Chipperfiel debe ser a arquitectura: que non hai que someter á paisaxe, senón só apuntalar o que é necesario para o planeta. E reivindica a importancia do social e da conversa.