Publicador de contidos

Publicador de contidos

O arquitecto pontevedrés Manuel Bouzas alzouse co Premio Princesa de Girona Arte 2025

O arquitecto pontevedrés Manuel Bouzas alzouse co Premio Princesa de Girona Arte 2025

Foi distinguido por unha traxectoria na que combina o deseño, a ecoloxía e a sustentabilidade na arquitectura contemporánea

Manuel Bouzas recolle o Premio Princesa de Girona de Artes 2025 en Almería/Marián León/Europa Press Manuel Bouzas recolle o Premio Princesa de Girona de Artes 2025 en Almería/Marián León/Europa Press
G24.gal 14/03/2025 18:03

O arquitecto Manuel Bouzas Barcala alzouse co Premio Princesa de Girona Arte 2025, que recibiu no acto central do Tour do Talento que se celebra en Almería desde o pasado 10 de marzo.

Un xurado de expertos reuniuse no Auditorio Municipal Mestre Padilla de Almería e determinou recoñecer a traxectoria de Manuel Bouzas Barcala por “a súa excelencia académica, a súa proxección internacional, o seu compromiso coa educación, e a reflexión que expón o seu traballo sobre o poder transformador da arquitectura, o deseño de espazos cidadáns e a súa defensa da ecoloxía e a sustentabilidade”.

Manuel é arquitecto, docente e comisario, cuxa traxectoria combina o deseño, a ecoloxía e a sustentabilidade na arquitectura contemporánea, e ao recoller o galardón recoñeceu que non esperaba este recoñecemento á súa traxectoria.

"Quero dedicárllelo aos meus compañeiros da fase final dos premios. Síntome envexoso, no sentido máis positivo, ao ver a cantidade de disciplinas e a cantidade de paixón e de talento que temos neste país. Por momentos quería ser poeta, por momentos quería ser ilustrador, músico ou filósofo. E a todos eles tamén llelo dedico", dixo.

Ese mesmo xesto tívoo cos seus compañeiros de profesión:

"Durante os anos de crises, de burbulla inmobiliaria, burbulla de ladrillo, etcétera, pasámolo mal. Hoxe, ser arquitecto é unha grandísima oportunidade para todos nós, os máis novos, porque o planeta vai crecer, imos ser 10 billóns de persoas para 2050, e fai falta vivenda, e fai falta vivenda de calidade neste país, e fai falta arquitectos que a constrúan", argumentou.

Neste sentido, precisou que este traballo debe realizarse desde un punto de vista de sustentabilidade e ecoloxía para tratar de protexer a vida de todos os cidadáns e para tratar de reducir as emisións dun sector, o da construción, que é responsable do 40 % das mesmas.

"Así que vos animo a todos a que sigades tamén este camiño de crear, pensar e construír", concluíu.

Desde o seu propio estudo, MB·AE, Manuel desenvolve proxectos que integran materiais renovables e de proximidade, colaborando con institucións de prestixio como o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, a Vila Medici-Academia de Francia en Roma e a firma Chanel.

O seu enfoque na arquitectura sostible e a rexeneración urbana levouno a construír en cidades como Valencia, Palma de Mallorca, Roma e Venecia. Recoñecido pola súa capacidade innovadora, foi seleccionado como comisario do Pavillón de España na 19 Bienal de Arquitectura de Venecia 2025.

Como docente nas universidades de Cornell e Harvard, Manuel Bouzas combina o ensino coa produción de coñecemento, impulsando novas formas de entender a arquitectura como unha ferramenta clave para o equilibrio ecolóxico e social.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade