O ataque de tres cans deixa trinta galiñas e tres ovellas mortas en Monterroso
O ataque de tres cans deixa trinta galiñas e tres ovellas mortas en Monterroso
Un labrador e dous cruzamentos de mastín e pastor alemáns irrompen nun galiñeiro e nun rabaño
Dous dos cans atacantes seguían ceibos horas despois do suceso
Efectivos de Protección Civil andaban esta mañá polos arredores de Monterroso na busca de dous cans que onte atacaron un galiñeiro e un grupo de ovellas e galiñas nas proximidades do instituto. Un terceiro can, participante, lograron collelo pouco despois do ataque.
O dono das ovellas, Fidel Carballo, falounos da desfeita cando ía camiño do cuartel para facer a denuncia:
"Cando (a muller) chegou abaixo xa matara tres e unha que estaban dacabalo dela que está malferida. Comeume sete galiñas e o capón, oito. E a outro veciño matoulle unhas vinte".
Neste pechado moi próximo ao colexio de Monterroso só os gatos se zafaron do ataque dos cans. Das 22 galiñas, a maioría araucanas, que había non deixaron nin unha viva. Entraron abrindo oco polo valado metálico que rodea a leira e logo fixeron o mesmo co do galiñeiro. Os damnificados láianse da perda e afirman que non é a primeira vez que os cans andan ceibos. Din que visto como actúan, hai risco de que ataquen a calquera persoa.
"Tentaron os de Protección Civil collelos, pero... ensináronllelos dentes!", di Fidel Carballo e engade: "Non é só o valor das ovellas e que mañá volven, matan as outras... ou que collan un rapaz do colexio que é o que máis medo dá, porque os rapaces andan por alí. Porque pechámolos no patio do colexio, porque os cans cruzaron polo patio".
Francisco Martínez di ser dono de dous dos cans, de cor branca, que aproveitaron un momento en que deixou a porta da leira aberta:
"O que pasou é que me escaparon. E hai un solto aí que tiña que collelo o 112 que veu dúas ou tres veces alí.
Os cans implicados no ataque son, ao parecer, un labrador e dous cruzamentos de mastín e pastor alemán. O seu dono terá que afrontar ademais dos estragos ocasionados a sanción por andaren ceibos.