Publicador de contidos
Publicador de contidos

O atletismo compostelán pide sinaturas para arranxar as bancadas do estadio universitario

O atletismo compostelán pide sinaturas para arranxar as bancadas do estadio universitario

A estrutura está pechada por risco de derruba desde hai un ano

Piden que a USC e o resto das administracións financien a reparación, como fixeron coa pista

 

G24.gal 06/06/2024 14:15

Nin os deportistas nin o público poden usar as bancadas do estadio universitario de Santiago desde hai case un ano. Despois de 75 anos de uso, o seu estado é ruinoso e teñen risco de derruba. Fartos de pedir solucións que non chegan, os clubs de atletismo de Santiago e Millaraio, lanzan unha recollida de sinaturas con varios destinatarios:

"En primeiro lugar a USC, que é a titular das instalacións e despois o resto de administracións que investiron na renovación das pistas, que se reúnan e que cheguen a un acordo para arranxo de bancadas, cuberta e resto de deficiencias que ten a instalación", explica Ana Albán, presidenta do club de atletismo Millaraio.

A imaxe da bancada contrasta fortemente co estado da pista, renovada e homologada para competición desde hai un ano. Din que o arranxo da estrutura é o paso que falta para que Santiago poida organizar campionatos en condicións.

"Sería moi importante para todo o atletismo galego ter unha pista céntrica. Tendo unha en Santiago con plenas condicións sería o xeito de que moitos campionatos galegos e escolares da Xunta se fixeran nesta sede. Tamén campionatos nacionais, por que non?", engade João Fernández, presidente do club de atletismo de Santiago.

Para poñer a punto a bancada cómpre demoler a cuberta, reforzar os piares e impermeabilizar a bancada. Calculan que o investimento estaría nun millón 200.000 euros. Un gasto que a USC di non poder asumir en solitario. 

"Por suposto que a USC se está implicando e está acomentendo obras menores para as que ten capacidade. Pero para unha obra destas características precisa unha implicación económica de todas as administracións", di Javier Rico Díaz, delegado do reitor para o Deporte na USC.

Desde a reitoría recordan que o estadio ten usos compartidos e a maioría dos usuarios non son universitarios. Por iso, van intentar que o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta se impliquen, igual que fixeron coa pista. Desexo que comparten os deportistas, que piden ademais axilidade na negociación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade