Publicador de contidos
Publicador de contidos

O atractivo turístico de Ferrolterra dispara o alugueiro de vacacións en concellos como Valdoviño

O atractivo turístico de Ferrolterra dispara o alugueiro de vacacións en concellos como Valdoviño

G24.gal 03/06/2024 21:25 Última actualización 03/06/2024 21:55

Na comarca de Ferrol concellos como o de Valdoviño poden chegar a multiplicar por dez a súa poboación nos meses de verán e pasar de 6.700 habitantes a 67.000.

Un dos principais atractivos é a súa paisaxe, con 17 praias, todas elas integradas na Rede Natura 2000.

"Un turismo moi interesado en coñecer a nosa paisaxe, en coñecer o noso espazo natural e vir a facer deporte. Un turismo moi deportivo e moi familiar que busca facer actividades ao longo de todo o verán", apunta o alcalde de Valdoviño Alberto González.

"Na zona de Valdoviño, como alugueiro de vacacións como tal, vén máis de xente de fóra, xente estranxeira. Quizais un turismo de surf e máis ese tipo de turismo", engade Esther Rodríguez, xerente de Mundocasa Inmobiliaria.   

O interese que esperta esta zona costeira está a disparar os prezos dos aloxamentos turísticos. De querer alugar unha casa de vacacións durante un mes enteiro o desembolso podería chegar mesmo a superar os 10.000 euros.

"Se está preto da praia xa podemos falar de 300 ou 350 euros ao día, e máis dependendo de como sexa a casa", matiza a xerente de Mundocasa Inmobiliaria.

No Concello dan a benvida ao dinamismo económico que o turismo xera no verán, mais sen descoidar a poboación residencial. 

"Está a xerar unha potencialidade para o noso concello. É certo. Economicamente é moi importante sobre todo na época estival. Pero tamén é certo que corremos o risco de que ao longo do resto do ano teñamos un déficit de vivendas que efectivamente é unha cuestión municipal que creo que tamén debemos asumir", sinala o alcalde.

O Goberno local traballa en fórmulas para que quen queira vivir en Valdoviño todo o ano poida facelo. Entre as medidas, unha ordenación urbanística que permita incrementar o solo urbanizable e a construción de novas vivendas.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade