O aumento do tráfico na Cañiza polo peche do túnel molesta os peóns pero favorece a hostalería
O aumento do tráfico na Cañiza polo peche do túnel molesta os peóns pero favorece a hostalería
Reabriu na tarde deste mércores o túnel en sentido Ourense, e a medianoite pecha en sentido Vigo
A previsión é que o domingo a circulación recupere a total normalidade neste treito da autovía
Este luns restrinxíase o tráfico no túnel polo carril en sentido Ourense, obrigando aos desvíos polas nacionais 559 e 120. Pechar os dous quilómetros e medio do paso soterrado, implica dar un rodeo de 35 quilómetros e media hora polo centro da Cañiza.
É molestia para os condutores e para os peóns do centro urbano.
"A min case me dá medo, tes que andar con coidado, porque impresionan os camións e esta cantidade de tráfico". "Nas horas punta é cando máis se nota. Eu que levo o neno ao colexio, prefiro ir andando, porque en coche tardo máis". "Temos que andar con máis coidado, sí, e moita precaución, tanto os peóns como os condutores", comentan varios veciños residentes no casco urbano da Cañiza.
Porén, o aumento do tráfico, pode traducirse en máis clientela para a hostalería local.
"Algo máis de coches paran e a xente achégase a comer un bocadillo ou tomarlle algo". "Máis tráfico hai, pero tampouco paran moitos porque non hai moito sitio onde aparcar", sinalan dous hostaleiros situados ao pé da N-120, no centro da vila.
En 2021 o túnel estivera tres meses pechado polos danos causados nun accidente. Nesta ocasión, o peche é de menos dunha semana e alternando os carrís de cada sentido. Arredor da media tarde deste mércores restablecíase o tráfico en sentido Ourense e para a medianoite estaba previsto o peche do túnel en sentido Vigo.
As obras durarán ata o sábado á medianoite. A previsión é que o domingo a circulación recupere xa total normalidade neste treito da autovía das Rías Baixas.