O Barcelona, imputado por suborno no caso Negreira
O Barcelona, imputado por suborno no caso Negreira
A Garda Civil rexistrou as dependencias do Comité Técnico de Árbitros, na RFEF, á procura de documentación
Para o maxistrado, os pagos a Negreira e o seu fillo "produciron os efectos arbitrais desexados polo FC Barcelona, de tal maneira que debeu existir unha desigualdade no trato con outros equipos e a consecuente corrupción sistémica no conxunto da arbitraxe española"
A Garda Civil rexistrou este xoves as oficinas do Comité Técnico de Árbitros (CTA) situadas nas dependencias da Federación Española de Fútbol (RFEF) nas Rozas en Madrid para solicitar documentación relacionada coa investigación xudicial aberta sobre o caso Negreira.
Fontes da investigación informaron de que efectivos do Grupo de Delitos Económicos e Tecnolóxicos da Unidade de Policía Xudicial de Barcelona presentáronse o redor das 9.00 horas na sede da federación en busca de documentos nas oficinas do Comité Técnico de Árbitros.
O rexistro prolongouse durante todo o día para levar a cabo o clonado dos ordenadores, seguindo as ordes do titular do Xulgado de instrución número 1 de Barcelona.
En paralelo, o xuíz instrutor ditou un auto en que imputa un delito de suborno aos directivos do FC Barcelona investigados no caso, así como ao propio club como entidade xurídica, ademais do exvicepresidente do CTA José María Enríquez Negreira e ao seu fillo.
Desa forma, o delito de suborno súmase aos de corrupción entre particulares no ámbito deportivo, administración desleal, falsidade en documento mercantil e branqueo de capitais que ata o de agora se atribuían aos investigados.
No marco desa causa, que se abriu por mor dunha denuncia da Fiscalía Anticorrupción, o xuíz investiga o destino dos preto de 7 millóns de euros que o FC Barcelona pagou a Negreira e ao seu fillo entre 2001 e 2018, e que, segundo o club, respondían a informes sobre arbitraxes.
O xuíz, con todo, sospeita que os pagos puideron obedecer a unha "forma nova de posible retribución ilexítima a árbitros de fútbol" nun contexto dunha "posible corrupción sistémica no seo do CTA" na época en que Negreira era vicepresidente deste organismo.
No seu último auto, o maxistrado xustifica a imputación do delito de suborno -que castiga os subornos para obter favores de funcionarios públicos- nas súas sospeitas de que o exvicepresidente do CTA e o seu fillo recibiron durante 18 anos pagos do FC Barcelona a cambio de procurar os "efectos arbitrais desexados" polo club, o que implicaba "desigualdade de trato" para o resto de equipos.
A pesar de que Negreira non era funcionario como esixe o delito de suborno, considera o xuíz, apoiándose en abundante xurisprudencia na materia, que si tiña esa condición "a efectos penais, dado que desempeñaba funcións públicas como vicepresidente do CTA, entre outras relativas ás cualificacións dos árbitros e aos ascensos e descensos" dos mesmos.
Segundo sostén o xuíz no seu auto, os pagos do FC Barcelona a Negreira e o seu fillo, que dá por acreditados documentalmente, "poden considerarse realizados en atención ao cargo que desempeñaba" o exvicepresidente do CTA pois se prolongaron durante 18 anos, en que se incrementaron das 70.000 iniciais a 700.000 anuais, e detivéronse coincidindo co cesamento do árbitro investigado.
"Por dedución lóxica, os pagos realizados polo FC Barcelona satisfacían os intereses do club en atención á súa duración e ao incremento anual", engade o auto.
Para o maxistrado, os pagos a Negreira e o seu fillo "produciron os efectos arbitrais desexados polo FC Barcelona, de tal maneira que debeu existir unha desigualdade no trato con outros equipos e a consecuente corrupción sistémica no conxunto da arbitraxe española".
Unha hipótese que o xuíz apunta por "inferencia lóxica" pero que cre que as investigacións que está a levar a cabo a Garda Civil "poderán confirmar".
Entre os indicios que sustentan as súas sospeitas, o maxistrado menciona a "carta intimidatoria" que Negreira enviou a mediados de 2018 ao FC Barcelona despois de que o club decidise "prescindir" dos seus servizos, na que lle ameazaba con revelar unha serie de feitos ilícitos que "poderían prexudicar gravemente" ao club.
"Disto último despréndese que Enríquez Negreira tiña conciencia de que se produciron actos ilícitos en favor do FC Barcelona de bastante gravidade", agrega o maxistrado, que cre que iso demostra que o exvicepresidente do CTA participou neses delitos ou tivo "coñecemento moi próximo" das persoas que os cometerían.
Segundo o xuíz, o que foi vicepresidente do Comité Técnico de Árbitros entre 1994 e 2018 "era consciente, en maior ou menor medida, da ilicitude dos seus actos e, mesmo, doutros actos descoñecidos ata o de agora".
Lembra o maxistrado instrutor no seu auto que o delito de suborno -pasivo no caso de Negreira e o seu fillo e activo no do FC Barcelona e os seus directivos- consumouse unha vez acreditados os pagos, "demóstrese ou non a corrupción sistémica da arbitraxe española" por mor dos mesmos.