O Baxi Ferrol queda ás portas da proeza en Salamanca
O Baxi Ferrol queda ás portas da proeza en Salamanca
Durante moitos minutos fixo bos os doce puntos do primeiro partido pero o Perfumerías Avenida acabou superando a eliminatoria (87-69)
O Baxi Ferrol competiulle ata o final a un Perfumerías Avenida que sufriu moito para levantar os doce puntos de renda que levaron da Malata as xogadoras ferrolás. Ao final a vitoria e o pase foi para o equipo da casa (87-69).
Inicio en tromba do Avenida (19-9) que tiña enxugada a desvantaxe ao final do primeiro cuarto (23-11). Grazas ao seu acerto nas triplas (11/15 no primeiro tempo) mantiñan a diferenza diante dun Baxi que vendía moi cara a derrota. Chegou a estar 16 abaixo e no descanso o resultado era de 51-37.
Tres triplas seguidas puxeron o Avenida 60-41 e todo parecía perdido. As xogadoras de Lino López non baixaron os brazos e cando as salmantinas baixaron as porcentaxes chegou o momento dun Baxi que se recuperou (62-55) e entrou no último cuarto con todas as opcións (67-60).
Chegou outro parcial decisivo de 9-0 a prol do Avenida (76-60) e a emoción mantívose ata o último segundo. O Baxi tentouno pero o líder da liga sentenciou desde o tiro libre.